Xa está aí o tema do Brexit. Pero non vos fagades ilusións: o idioma inglés vainos seguir sendo necesario para o futuro, nos guste ou non. Non hai outra. Por iso, coincidindo co mes do Brexit, en outubro volvemos a comezar cos grupos de conversación en inglés, e temos prazas dispoñibles para ambos niveis, tanto en básico como en medio.
Os grupos de conversación en inglés son unha actividade que pretende o perfeccionamento do inglés a nivel oral, a través dun grupo de conversación guiado e reducido. Non son clases de idioma, senón un espazo no que mellorar os coñecementos e perder o medo a falar, nun ambiente distendido. Os participantes conversan entre eles, coa guía e asesoramento dunha titora que os corrixe e guía ao longo dunha hora. A titora dos nosos grupos é María Platas Alonso, docente de lingua inglesa.
Unha maneira divertida de aprender e mellorar o nivel de inglés.
Temos dous niveis de aprendizaxe: un grupo de nivel básico e outro grupo de nivel medio. As sesións celébranse na biblioteca todos os martes do 5 de febreiro ao 28 de maio, e do 1 de outubro ao 26 de novembro. O horario: entre as 18:00 e 19:05 horas para o nivel básico, e entre as 19:05 e 20:05 para o nivel medio. No caso de existir prazas dispoñibles, unha mesma persoa pode inscribirse nos dous niveis, e, xa que logo, asistir aos dous niveis seguidos dende as 18:00 ata as 20:05.
Si non acabamos de entendernos cos británicos que non sexa por culpa nosa.
Os grupos son reducidos, coa posibilidade de inscribirse en lista de agarda unha vez que se complete o cupo. Trátase dunha actividade gratuíta, pero é necesario ter a condición de persoa socia da rede de bibliotecas de Galicia, e teñen preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Para formalizar as inscricións podes vir ás nosas instalacións ou ben chamar por teléfono (986337624).