Xa está convocado o VIII Premio de microrrelatos “Mulleres progresistas”, un certame convocado pola asociación viguesa Mulleres Progresistas que xa ten percorrido, e no que vos animamos a participar. Trátase dun xénero literario tan breve como intenso a través do cal podedes introducirvos no apaixonante mundo da escrita.
Poderán participar mulleres maiores de 16 anos cun máximo de 3 microrrelatos escritos en galego. O tema será libre, pero con especial valoración daqueles que traten e reflexionen sobre os distintos aspectos da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (corresponsabilidade, dereitos, empoderamento, etc.). Os textos deberán ter un máximo de 100 palabras e ser orixinais e inéditos.
Entre os microrrelatos participantes poderanse designar ata 10 finalistas, entre os que se elixirán os premios do certame:
- 1º Premio: 300 €
- 2º Premio: 200 €
- 3º Premio: 100 €
Os traballos presentaranse a través dun formulario na web da asociación, coa data límite do 16 de outubro de 2019 e o fallo publicarase o 8 de marzo de 2020, Día Internacional da Muller.
Se vos interesa, aquí tedes as bases completas desta interesante convocatoria literaria.