O anxo negro, de Manuel Gago (Xerais, 2016)
Parecerá irrelevante recomendar unha novela xa tan recomendada, pero penso que ben o merece. Manuel Gago é un dos grandes persoeiros da cultura galega e da divulgación da nosa historia e patrimonio, e cóntome entre os seus grandes admiradores: todos os seus proxectos resúltanme interesantes, sexa a través do xénero do ensaio (Herdeiros pola forza, 2012 ; Vento e chuvia, 2013) ou da divulgación en Internet (blog persoal Capítulo 0 ; portal culturagalega.org ; portal patrimoniogalego.net). A súa primeira incursión no xénero da narrativa en 2016 sorprendeume tamén pola súa gran calidade, mesturando os xéneros da novela histórica, a novela negra e as grandes historias de suspense que enganchan desde o primeiro momento.
A trama de “O anxo negro” nos leva á aldea imaxinaria de Cereixo, onde intentan roubar unha virxe de madeira que esperta enorme devoción entre os seus peculiares habitantes. Toda a parroquia organizarase para defendela e logo recuperala, encabezados por Bren, experto en historias de piratas, e Andreu, hosteleiro relacionado co narco da Costa da Morte. E para facelo deberán volver ao oculto pasado desta parroquia galega. Os personaxes acabarán inmersos no mundo do tráfico ilegal de arte orquestrado desde a propia igrexa católica, nunha novela que volve a volver a poñer de manifesto o profundo coñecemento que Manuel Gago ten da historia, o patrimonio e a idiosincrasia galegas.