O bibliotecario recomenda

paradero

Paradero desconocido, de Kressmann Taylor (RBA,2008)

Kressman escribiu este impresionante relato en 1938, un ano antes de que comezara a II Guerra Mundial. E consigue condensar nas súas 80 páxinas un dos alegatos máis rotundos contra o nazismo dos que se teñen escrito, e ademais, dunha intelixente sutileza, en forma dun intercambio de cartas entre dous personaxes. Pero non é “outra novela” sobre o nazismo. O que me sorprende desta obra é que o dramatismo non reside tanto no que sucede na propia historia, senón no que sabemos que podería estar a suceder: por iso é un relato que coa perspectiva da historia gañou en profundidade. Kressman conseguiu escribir unha advertencia estremecedora antes dos terribles feitos nos que desembocou o nazismo.

Aproveitando que onte foi o #DíadasEscritoras, mencionar que o “autor” Kressman Taylor en realidade era a escritora Katherine Kressman, pero aceptou empregar ese pseudónimo masculino porque o seu editor e o seu marido a convenceron de que a historia era demasiado forte para aparecer asinada por unha muller. O libro publicouse con bastante éxito nos EE.UU, pero o avance do nazismo o converteu primeiro nun libro prohibido en Europa e despois esquecido durante sesenta anos, ata a súa reedición francesa de 1999.

A historia: o alemán Schulse e o xudeu Eisenstein son amigos e teñen un negocio xuntos nos EE.UU. Pero un día Schulse decide volver ao seu país. Así comezará un intercambio de cartas entre os dous, que nos revelará a transformación política e ideolóxica que Hitler provocou nos alemáns da época, desde a ilusión e a esperanza das súas promesas ata  os horrores dos seus actos.

Libro tan cortiño como impresionante.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s