Las ocho montañas, Paolo Cognetti (Random House, 2018)
Teño lido moitas novelas que se desenvolven na montaña, pero poucas coma esta. Porque o autor consegue que a montaña pase a converterse nun personaxe máis da historia. Cognetti narra de forma tan magnífica as sensacións que nos asaltan nas paisaxes montañosas (a grandiosidade, a poesía, a soidade, a transcendencia…) que no medio da novela tiven que botar man da súa biografía para certificar que, efectivamente, Cognetti sabe de que está a falar porque vive nun pobo dos Alpes italianos. Porque é unha persoa de montaña.
Como os personaxes desta novela. Pietro é un mozo de cidade, solitario, que veranea nos Alpes cos seus pais. E Bruno é un albanel da zona, un rapaz que soamente coñece os montes e os animais da montaña. Con once anos teñen toda a vida por diante, e verán tras verán formarán unha sólida amizade mentres exploran as montañas dos arredores. Pero cos anos, os seus camiños tomarán rumbos distintos, ambos afrontarán a vida cun enfoque moi diferente. Pero a montaña volverá a xuntalos de novo, cando ambos estean confusos e perdidos.
Unha novela que explora as relacións de amizade e de familia a través dunhas personalidades singulares. Un libro magnético que deixa pegada na memoria.