El hombre que plantaba árboles, Jean Giono (Duomo, 2009)
Estes días que estamos a voltas co Cumio do Clima en Madrid, tiña que traer un libro verde. Unha fermosa utopía adicada ás árbores, unha verdadeira defensa do ecoloxismo. Trátase dun libro excepcional, tanto pola propia historia como polo formato, xa que non se trata verdadeiramente dunha novela, senón dun pequeno conto que se le en apenas dez minutos.
Un conto alegórico do escritor francés Jean Giono publicado no 1953. A historia conta os esforzos dun pastor para converter un desolado val nas estribacións dos Alpes, preto de Provenza, nun enorme bosque. A historia desenvólvese ao longo da primeira metade do século XX, e resulta tan conmovedora que moitos lectores da época pensaron que se trataba dunha historia real e autobiográfica.
Non tal. Pero a propia historia de Giono tamén é ben singular. Nacido na Provenza en 1895, o seu pai era zapateiro e a súa nai traballaba pasando o ferro. Os escasos recursos económicos da súa familia impediron que Giono puidera rematar os seus estudos. Sen embargo, entre a oficina do pai e o obradoiro da nai, Giono lía a Biblia e a Homero, e cos anos, adquiriu unha enorme cultura de forma totalmente autodidacta, grazas á súa insaciable curiosidade por coñecer.
No momento da publicación de “O home que plantaba árbores”, o libro foi todo un éxito, e sería traducido a multitude de idiomas. Sen embargo, isto non supuxo o enriquecemento de Giono, quen permitiu que o texto se distribuíra gratuitamente, sen gañar un céntimo con el. O obxectivo da publicación, segundo palabras do propio autor, “era facer as árbores agradábeis, ou máis ben a plantación das árbores agradábel”. Un verdadeiro exemplo de humanismo para os tempos que corren.