A Biblioteca do Porriño ten destacado nos últimos tempos polo desenvolvemento de programas formativos que a reafirman como espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social. Neste contexto foron numerosas as accións postas en marcha no pasado, buscando incidir cada ano nun aspecto determinado desta a súa vocación social.
Para o 2020 a Biblioteca do Porriño manifesta o seu compromiso social de traballar no ámbito da saúde e o benestar a través do Proxecto Bibliosaúde, co obxectivo de promover o benestar para todas as persoas de todas as idades. Responde así a Obxectivo nº 3 da “Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible”, auspiciada pola ONU, que propón aos centros bibliotecarios apoiar no acceso público a información sobre saúde e benestar.
A “Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible” representa o compromiso internacional para facer fronte aos retos sociais, económicos e medio ambientais do planeta, poñendo no centro ás persoas, o planeta, a prosperidade e a paz. A Axenda pretende avanzar cara sociedades máis inclusivas, con maior cohesión social, a través de 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que cobren todas as políticas públicas, propoñendo accións determinadas a toda a sociedade.
Para levar a cabo este compromiso, a biblioteca do Porriño pon en marcha varias accións específicas que se porán en marcha ao longo do ano: creación dunha sección de Biblioterapia, organización dun ciclo de conferencias divulgativas sobre saúde e desenvolvemento dunha campaña de promoción da saúde en internet.
1. Sección Biblioterapia: Lecturas saudables
A biblioterapia consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico (libros de autoaxuda) ou de desenvolvemento (novelas). Recórrese a ela principalmente para apoiar o tratamento de trastornos mentais e problemas emocionais e para promover a saúde mental. Acceder a este tipo de libros pode axudar a pacientes e familiares a entender mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a mellorar o seu benestar.
Debido aos beneficios probados destas lecturas, a Biblioteca do Porriño crea unha nova sección bibliográfica formada por 142 recomendacións de lectura (libros de autoaxuda, psicoeducación, novelas e obras de non ficción) para apoiar o proceso terapéutico de trastornos e problemas moi variados. Entra así a formar parte do proxecto “Biblioterapia” promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas.
Trátase dunha lista coidadosamente seleccionada de libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes. Unha selección que ata o de agora estaba dispoñible soamente nas bibliotecas dos principais hospitais de Galicia e nas bibliotecas públicas da Xunta de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) e que a biblioteca porriñesa adapta agora nunha biblioteca municipal. Os libros, reunidos nun estante específico da biblioteca, poderán retirarse normalmente presentando o carné de usuario/a. Ademais, na páxina web de Bibliosaúde (bibliosaude.sergas.gal) e da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (rbgalicia.xunta.gal) existen fichas coas referencias dos libros, breves resumos e contidos enriquecidos sobre os mesmos.
A sección de Biblioterapia estará dispoñible na biblioteca a finais deste mes de xaneiro.
2. Ciclo de conferencias sobre saúde
Como segunda acción dentro do proxecto Bibliosaúde, ao longo do 2020 a biblioteca porriñesa organizará varias conferencias divulgativas sobre temas sanitarios, que apoien o acceso público a información sobre saúde e benestar. Para elo contarase coa presenza de importantes persoeiros do mundo científico e traballadores da saúde, que achegarán ao público temas relevantes cunha visión eminentemente práctica. Todas as conferencias serán de entrada libre ata completar aforo.
Conferencia “Como favorecer o desenvolvemento visual ao inicio e durante toda a vida”. Relatora: Lucila To García-Miranda.
A primeira conferencia deste ciclo divulgativo está xa organizada para o próximo 23 de xaneiro ás 19:00 no auditorio da biblioteca do Porriño, sobre o campo do desenvolvemento visual, incidindo especialmente no seu aspecto infantil. Trátase dun tema especialmente relevante, xa que existen no mundo 217 millóns de persoas con problemas visuais, 1 de cada 4 rapaces non é diagnosticado ou é mal diagnosticado, e a afectación crónica tratable máis común durante a infancia é a capacidade visual.
Para iso contarase coa presenza de Lucila To García-Miranda, óptica-optometrista especializada en terapia visual baixo unha filosofía comportamental e de desenvolvemento, con máis de 25 anos de experiencia clínica. Lucila é Directora clínica do Centro de Optometría e Terapia Lucila To en Andorra, Máster en Dirección e Xestión de Recursos Humanos, Membro da Xunta Directiva de SIODEC (Sociedade Científica de Optometría do Desenvolvemento), e formadora en programas de optometría clínica. Tamén pertence ao equipo docente do concepto TMPI (Terapia Manual Pediátrica Integrativa) e é autora do libro “Manual para su primera estimulación visual” (Aurum Volatile, 2019).
O encontro ten o obxectivo de compartir a importancia da información social para unha óptima estimulación visual e con iso concienciar sobre a prevención e o coñecemento desde a casa. A relatora responderá a preguntas como: Que se pode facer desde a casa?, Que se pode facer desde a gardería?, Que podemos facer os profesionais, nais e pais?, Que estímulos debemos favorecer?, Que estímulos debemos evitar?
3. Campaña de promoción da saúde en internet
Ao longo do ano, a biblioteca levará a cabo unha campaña de promoción da saúde a través das súa páxina web e redes sociais, arredor do hagstag #bibliosaude. Esta campaña concretarase nunha serie de publicacións periódicas e accións entre as que destacan:
a) Promoción da lectura como actividade terapéutica, e dos beneficios da lectura na saúde e benestar, aportando datos avaliados pola ciencia.
b) Realización dun mapa municipal de farmacias en Google Maps, con localizacións e datos de contacto, e información semanal das farmacias de garda.
c) Promoción da doazón de sangue, e información sobre os días e horas da presenza das unidades móbiles de doazón no Porriño.