La vida ante sí, Émile Ajar (Plataforma, 2018)
Confeso que non coñecía para nada a obra de Émile Ajar, seudónimo do escritor e diplomático francés Romain Gary, e único autor que gañou dúas veces o prestixioso Premio Goncourt. Cheguei a el pola recomendación doutro escritor, e non será a última novela que lea del, desde logo.
A pesar dun argumento descarnado, e dunha historia máis rigorosa aínda (prostitución, racismo, loucura, soidade…), o autor consigue escribir unha novela chea de humor, inxenuidade e tenrura, creando así un sorprendente contraste de emocións. Algo moi digno de mérito. O pequeno protagonista enfronta a vida cunha lucidez fora do común, e o autor desbarra cunha beleza literaria imprescindible.
O argumento: Momo, un neno musulmán orfo, reside na pensión clandestina da señora Rosa no suburbio parisino de Belleville. Alí convive con outros fillos de prostitutas, nun barrio cheo de inmigrantes ilegais, marxinados e todo tipo de perdedores. Momo foi abandonado cando aínda era un bebé, e foi crecendo como puido botando unha man na pensión. Pero un día as distintas enfermidades que padece a señora Rosa comezarán a consumila, e Momo, aos seus catorce anos, deberá coidar dela tamén, xunto coa señora Lola (ex boxeador senegalés travestí) e o señor Waloumba (barrendeiro camerunés).
Romain Gary presentou esta novela ao Premio Goncourt 1975 usando o seudónimo de Émile Ajar. Gañouno, e tomouse a liberdade de non identificarse durante bastante tempo, o cal xerou unha enorme polémica e problemas legais que non se resolverían ata pouco antes do seu suicidio no 1980. Con elo, Gary quería burlarse da alta cultura francesa e a crítica, que desprezaban a súa propia obra pero que non dubidaron en celebrar a literatura do inédito Émile Ajar, un xenio descoñecido para todos, sen saber, por suposto, que se trataba do mesmo escritor.