Este ano a Biblioteca do Porriño volve a colaborar no concurso “O ollo de vidro”, proxecto impulsado polo Festival de Cans que xa vai pola súa V edición. Trátase dun certame que pretende fomentar entre a cidadanía hábitos lectores, utilizando a lectura como fonte de información, aprendizaxe e enriquecemento persoal, ao mesmo tempo que se promove o uso do galego como vehículo de comunicación nas redes sociais.
¿Que son os bookTrailers? Pois pequenas pezas creativas de audiovisual que consisten en resumir en poucos minutos o contido dun libro: como o típico tráiler dunha peli, pero arredor dun libro. ¿E que son os bookTubes? Pois son os vídeos que colgan en Youtube lectores entusiastas (booktubers) onde aparecen recomendando ou opinando sobre libros. Ambos, booktrailers e booktubes, son dous fenómenos en auxe que están arrasando na rede, principalmente entre a mocidade lectora.
O certame organízase arredor da canle de Youtube Recomendocheunlibro, un espazo onde o público xeral, así como entidades ou colectivos, divulgan vídeos recomendando lecturas ou outros traballos audiovisuais arredor da animación á lectura (booktrailers, críticas, lecturas en voz alta, etc.).
Asociado con esta iniciativa, organízase anualmente o concurso “O Ollo de Vidro”, no que se premian os traballos audiovisuais máis valorados entre os participantes nese proxecto. Trátase dun concurso organizado polos compañeiros e compañeiras da Biblioteca Neira Vilas de Vigo, a Escola Oficial de Idiomas e o IES Castelao de Vigo, o IES Pino Manso do Porriño e o Festival de Cans. E nós mesmos como colaboradores.
Para participar debedes consultar as bases e cumprimentar o “Documento de aceptación das bases”, crear un traballo audiovisual en galego cunha duración inferior a 3 minutos e envialo antes do 31 de xuño. Hay tres modalidades e premios:
- Premio do Xurado: 400€, escultura conmemorativa, lote de libros e placa Festival de Cans.
- Premio do Público: 200€, placa, lote de libros e placa Festival de Cans.
- Premio Festival de Cans: 300€, dúas entradas para o Festival de Cans, lote de libros e placa Festival de Cans.
O ditame do concurso farase público durante o Festival de Cans (primeira semana de setembro).
Animádevos a participar nesta singular iniciativa arredor dos libros, as redes sociais e o Festival de Curtas de Cans como telón de fondo. Sen dúbida é unha oportunidade excelente de amosar a vosa creatividade.