ACTIVIDADE CANCELADA
O próximo xoves 12 de marzo ás 19:00 horas, no noso auditorio, a Biblioteca do Porriño organiza a conferencia-coloquio “Cómeo a bicos: guía práctica para acompañar ao teu bebé no seu desenvolvemento”, dentro do ciclo Bibliosaúde. O relator será Iñaki Pastor, fisioterapeuta experto en pediatría e desenvolvemento. A conferencia será de entrada libre ata completar aforo.
Cada día hai máis evidencia de que as primeiras experiencias da vida determinan en grande parte o que ocorrerá despois. Cando nace unha nova vida, os proxenitores viven unha grande inseguridade respecto ás decisións que deben tomar no día a día. Ademais, a isto hai que engadirlle a gran cantidade de consellos que reciben de todo o mundo.
Unha clave para a crianza dun bebé é o equilibrio entre coidar/protexer e estimular, porque estes dous aspectos imprescindibles parecen, a miúdo, contraditorios. O exceso de protección e a falta de estímulos está detrás de moitos atrasos do desenvolvemento que poden chegar a derivar mesmo en dificultades escolares, de comportamento ou de coordinación de movementos. Por isto, unha boa información é o agasallo máis
grande que se pode facer a unha familia.
Hai numerosos detalles que poden marcar a diferenza no desenvolvemento dun bebé pero 5 recomendacións poderían conter as claves dun bo desenvolvemento se o bebé é san: moito máis tacto, moito máis movemento, moito máis boca abaixo, moito menos pantallas e moito máis estar presente de corazón.
IÑAKI PASTOR é fisioterapeuta experto en pediatría e desenvolvemento. Creador e director da Terapia Manual Pediátrica Integrativa (TMPI). Dirixe o Instituto de Terapias Integrativas de Zaragoza. É autor dos libros:
–¡Ayúdale a despegar! (Aurum Volatile, 2018)
– Terapia manual en el sistema oculomotor
(Elsevier, 2019).
Iñaki é máster en Fisioterapia Pediátrica e profesor internacional de Reeducación Postural Global. Imparte formacións, seminarios e conferencias de fisioterapia
en distintos países do mundo. É fundador do Instituto Aragonés de Salud y Desarrollo Infantil (IASDI).