
O próximo luns 1 de xuño abrimos de novo as portas en horario de 10.00 a 15.00 luns a venres.
Temos que facelo con responsabilidade, adoptando as máximas garantías de hixiene e seguridade para a nosa comunidade, polo que durante unha tempada os servizos estarán necesariamente adaptados ás circunstancias excepcionais que vivimos. Rogamos comprensión: estamos a despegar!
Naturalmente, serán de obrigado cumprimento todas as normas de seguridade e hixiene en vigor (uso de máscara, do xel hidroalcohólico disposto na entrada, distancia de seguridade de 2 metros, acompañamento dos menores de 14 anos, etc.)
Os servizos activos polo de agora serán o préstamo e devolución de exemplares no mostrador de atención. Non será necesaria cita previa. O acceso ás salas para consulta ou estudo, e a manipulación directa da colección non estará permitida: evitarase toda posibilidade de contacto coa colección para eliminar calquer risco de contaxio.
Para a DEVOLUCIÓN non teñades presa, así evitamos aglomeracións. A devolución de todos os exemplares foi automaticamente aprazada ata o 11 de xuño, e ademais ata mediados de mes aplicaremos unha amnistía xeral. Mencionar que todos os exemplares devoltos serán posteriormente illados e sometidos a unha corentena de 15 días para eliminar calquera posibilidade de infección.
Para o PRÉSTAMO seguen vixentes as normas de sempre (número de exemplares, prazos…). Non haberá reservas previas, e algo moi importante: vinde cos títulos seleccionados desde casa. Polo de agora, para evitar o contacto coa colección, non se poderá acceder ás salas nin manipular directamente os libros, así que deberedes pensar con antelación os libros que queirades: consultade o noso catálogo e aquí tamén tedes algunhas propostas.
O préstamo será no mostrador: vós pedides un título, nos entramos a collelo e logo tramitamos o préstamo no mostrador. A manipulación previa dos exemplares será mínima e por parte do persoal bibliotecario: de novo, teredes a seguridade de que CALQUERA EXEMPLAR QUE LEVEDES DA BIBLIOTECA DO PORRIÑO ESTARÁ LIMPIÑO COMO UNHA PATENA.
Vémonos a partir do luns, xente!
MÁIS INFORMACIÓN:
Normas de uso actuais da biblioteca (Covid-19)
-As persoas usuarias deberán respectar en todo momento as normas hixiénicas e sanitarias en vigor, e as indicacións do persoal da biblioteca.
-É obrigatorio o uso de máscara, e do xel hidroalcohólico disposto na entrada.
-Especificamente deberán gardar unha distancia de seguridade mínima de 2 m.
-Os menores de 14 anos deberán ir acompañados dun adulto responsable en todo momento.
-O horario actual de apertura ao público é de 10.00 a 15.00 de luns a venres.
-Os servizos bibliotecarios actualmente activos son o préstamo e a devolución de exemplares no mostrador de atención.
-O acceso directo ás salas e a manipulación directa da colección non están permitidos.
-As persoas que vaian chegando ao mostrador de atención irán formando unha fila única, respectando as marcas do chan e a distancia de seguridade.
-Recoméndase non usar o ascensor. En todo caso está reservado para persoas con cadeiras de rodas, carriños de bebés, maiores ou mulleres embarazadas. Haberá que facelo de forma individual, e evitar tocar nada máis que o botón necesario.
Condicións de seguridade na biblioteca (Covid-19)
-A biblioteca conta cun protocolo de actuación planificado para facer fronte á crise do Covid-19, co obxectivo de garantir a máxima seguridade e protección da súa comunidade.
-Están establecidas unhas condicións excepcionais de limpeza e desinfección en todas as instalacións, materiais e colección, que cumpren coas normas en vigor.
-Todo o persoal bibliotecario está formado e informado sobre as normas hixiénicas e sanitarias necesarias, e velará polo seu cumprimento.
-Todo o persoal conta cos equipos e materiais de protección necesarios, e está obrigado a usalos en todo momento.
-Os exemplares devoltos son illados e almacenados por lotes nunha sala pechada, e sométense a unha corentena de 15 días. Desta forma, a biblioteca garante a súa desinfección total. Isto fará máis lento o procedemento: pregamos comprensión.
-Os exemplares que van a ser prestados están totalmente desinfectados. Ningunha persoa ten acceso á colección, e os exemplares soamente son manipulados polo persoal bibliotecario no momento do préstamo.