
Propoñemos unha interesante selección de lecturas inclusivas para crianzas. Trátase de libros con historias de nenos e nenas con capacidades múltiples ou que por algunha razón son diferentes á maioría.
A literatura infantil tamén conforma un espazo de representación social. Como moitos discursos culturais, as súas formas de construír as realidades apóianse nas ideoloxías dominantes. Moitos estereotipos son replicados nas crianzas a través dos libros “clásicos”: o prototipo tradicional da familia, a supremacía dunha raza, a cultura heteropatriarcal, o antropocentrismo ou o mundo adultocéntrico son modelos que se perpetúan na sociedade a través dunha cultura normalizada.
Por iso son recomendables libros que rompan certos esquemas. Estas lecturas iniciais poden impulsar transformacións positivas, especialmente porque abren posibilidades para que a diversidade se instale como un modelo máis realista e humano, nunha sociedade inclusiva e plural.
Velaquí as nosas propostas, con enlace directo ao catálogo. Todos os libros están dispoñibles na biblioteca do Porriño:

Ás de mosca para Anxo / Fina Casalderrey (Edicións Xerais de Galicia)
Estrela, unha nova alumna do derradeiro curso de primaria -que recibe clases de apoio-, demostrará ós seus compañeiros de colexio, a súa familia e a todo o mundo que o máis importante é ter un gran corazón.

Bolobo / Nono Granero (Milrazones)
Bolobo sempre foi un mono distinto aos demais. Agora terá que enfrontarse a un reto case imposible do que poderá saír torioso.

El cazo de Lorenzo / Isabelle Carrier (Juventud)
O día a día dun neno diferente: as súas dificultades, as súas posibilidades, os obstáculos que ten que afrontar…

Cerca / Natalia Colombo (Kalandraka)
O Señor Pato, como todos os días, vai ao traballo. O Señor Coello, como todos os días, tamén vai ao traballo. Sempre se cruzan…

Como pez en el agua / Daniel Nesquens, Riki Blanco (Thule)
A Sebastián encántalle a auga. Sabe nadar, mergullarse… o que non sabe é camiñar, porque non pode. Sebastián vai nunha cadeira de rodas polo mundo adiante.

Con Tango son tres / Justin Richardson e Peter Parnell (Kalandraka)
Unha parella de pingüíns do zoo non poden ter fillos, pero o seu coidador dálles a oportunidade: depositando un ovo alleo no seu niño. Unha historia das novas familias.

Elisa no mundo das marabillas / Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Galaxia)
Elisa, unha muller alegre, soñadora, de mirada intensa e cabelos castaños. Era moi fermosa, pero ela non o sabía. Elisa movíase nunca cadeira de rodas e tiña parálise cerebral.
Elmer / David McKee (Kalandraka)
Elmer non é como os outros elefantes da súa manada. Aínda que pareza difícil de crer, é un elefante de mil cores: verde, azul, branco, rosa, amarelo…

A historia do touro Ferdinando / Munro Leaf, Robert Lawson (Kalandraka)
Ferdinando é un touro sensible que, fronte á bravura doutros touros, prefire a tranquilidade dun prado e o arrecendo das flores.
Juul / Gregie de Maeyer, Koen Vanmechelen (Lóguez)
Cálida e comprometida chamada de atención para reflexionar sobre a crueldade e violencia que ás veces se produce entre as crianzas

El libro negro de los colores / Menena Cottin, Rosana Faría (Los libros del Zorro Rojo)
Tomás non pode ver as cores. Estas representan para el miles de sabores, olores, sons e emocións. Desde a escuridade dos seus ollos, Tomás invítanos a descubrir as cores sen velas.
Monstruo rosa / Olga de Dios (Apila)
Un conto sobre o valor da diferencia. Unha historia para entender a diversidade como elemento enriquecedor da nosa sociedade.

Palabras de caramelo / Gonzalo Moure (Anaya)
Kori é un neno xordo que vive nun campo de refuxiados saharauís. Un día descobre que a través da escritura pode expresar no papel as súas emocións, especialmente as relacionadas co seu amigo, o can Caramelo.
Pequeno azul e pequeno amarelo / Leo Lionni (Kalandraka)
Pequeno Azul ten moitos amigos pero o seu mellor amigo é Pequeno Amarelo. Un día están tan felices que se dan unha aperta tan grande como para converterse en verdes.

Á sombra dos anacardios / Antón Fortes, Simona Mulazzani (OQO)
Neste álbum abórdase o grave problema da SIDA que afecta a un alto porcentaxe da poboación infantil en África.
One thought on “Selección: Lecturas inclusivas”