
Este mes de abril a Concellería de Cultura organiza a exposición “Textura dunha guerra invisible”, da artista multidisciplinar Galia Baba Chamad, no Centro Cultural do Porriño. Coincidindo co evento, aproveitamos para facer unha selección de libros sobre o Sáhara: libros infantís, narrativa e libros de divulgación sobre o conflito saharauí e desa fermosa e moitas veces descoñecida parte de África.
Todos os libros están á vosa disposición na biblioteca do Porriño
Sáhara: memoria y olvido, de Yolanda Sobero (Ariel, 2010): Unha obra que nos leva a mirar de fronte os feitos, os comportamentos, as historias particulares das xentes do Sáhara Occidental e de Marrocos que se solapan unhas veces, e se someten outras, á gran historia xeral.

La historia del Sáhara y su conflicto, de Alejandro García (Los libros de la catarata, 2010): o libro narra as orixes do conflito nun desastroso reparto colonial africano e unha calamitosa descolonización. Tras a marcha de España o territorio sería invadido polas nacións veciñas o que provocaría a guerra e o exilio para gran parte da súa poboación. Mentres tanto, o sono da independencia continúa vivo.

Agonía, traición, huída: el final del Sáhara español, de José Luis Rodríguez Jiménez (Crítica, 2015): crónica documentada do fin do imperio español producido no medio do desinterese do franquismo. O autor proporciona unha visión integral da historia de España no Sáhara, un territorio que realmente nunca foi descolonizado. Unha historia construída sobre os documentos e as testemuñas de quen viviu os sucesos en primeira persoa.

La historia prohibida del Sáhara Español: las claves del conflicto que condiciona las relaciones entre España y el Magreb, de Tomás Bárbulo (Península, 2021): Ninguén sae ben parado neste libro, o cal é unha proba da independencia do seu autor e da honestidade coa que ten abordado este espiñoso conflito. Un traballo ben documentado, escrito con claridade e sobriedade, pero tamén con forza e estilo.

Sáhara Occidental: 40 años después, de Isaías Barreñada e Raquel Ojeda (eds.) (Los libros de la catarata, 2016): Un libro que ofrece unha panorámica completa que permite comprender en profundidade a situación actual do Sáhara Occidental. Retrata a complicada realidade do pobo saharauí e dun Estado construído no exilio.

Huracán sobre el Sáhara: memorias de un periodista en el último desastre colonial español, de Pablo-Ignacio de Dalmases (Base, 2010): O autor viviu como xornalista e desde o propio Sáhara os momentos clave de 1975, e relata o acontecido coa viveza do que foi testemuña presencial e incluso voluntario protagonista de acontecementos históricos.

Sáhara: un viaje a la sabiduría de las gentes del desierto, de Josto Maffeo y Ángeles Blanco (La esfera de los libros, 2009): Os dous xornalistas compartiron unha longa viaxe polo gran deserto africano. Das súas experiencias naceu este libro: unha mestura perfecta dos coñecementos de Josto e da mirada sorprendida de Ángeles, e das vivencias das mulleres e homes que lles ofreceron a súa hospitalidade nómada. Un percorrido físico e espiritual pola historia, costumes, gastronomía e sabedoría das xentes do deserto.

Mira si yo te querré, de Luis Leante (Alfaguara, 2007): Unha novela que narra unha historia de amor que se alonga no tempo. O retrato de dúas épocas e dúas culturas unidas por un segredo, a aventura dunha muller que descubre o máis importante na soedade do Sáhara.

Las acacias del éxodo, de Conchi Moya (Sílex, 2019): Colección de relatos escollidos, crónicas levadas á ficción desde a realidade da cultura saharauí. A autora capta e rescata do esquecemento fermosos instantes que suceden la cultura do deserto e sen máis desaparecen da memoria colectiva.

Bajo la jaima: cuentos populares del Sáhara, de Fernando Pinto y Antonio Jiménez (Miraguano, 2006): Colección de contos populares do Sáhara escrita por dous especialistas da materia. O libro compila relatos que amosan formas e actividades dunha cultura tan rica como descoñecida en Occidente.

El beso del Sáhara, de Gonzalo Moure (SM, 2016): Novela xuvenil que conta a historia de Marta. Durante a súa visita a un campamento saharauí Marta recibe o bico de Nadira, unha rapaza refuxiada, e a partir dese momento as súas vidas se intercambian. O soño e a realidade se confunden nesta historia como a vida das protagonistas.

Los gigantes de la luna, de Gonzalo Moure (Edelvives, 2010): Novela infantil-xuvenil. Pablo goza dunha vida bastante cómoda, pero está un pouco pechado en si mesmo. Por iso o seu pai chámao o “caracol mutante”. Naísma, unha nena saharauí procedente dun campamento de refuxiados, contaralle o segredo dos xigantes da lúa, que non consistirá, como el pensaba, nun barco cheo de prata, senón noutra cousa.

El cazador de estrelas, de Ricardo Gómez (Edelvives, 2003): Bachir vive nun campamento de refuxiados saharauí. Unha enfermidade pulmonar obrígao a permanecer inválido na súa tenda, desde onde escoita atentamente os sons que chegan e trata de imaxinar as cousas que suceden ao seu redor. Unha noite coñece ao ancián Jamida, con quen fala da historia do seu pobo e nome das estrelas.

Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure (Anaya, 2002): Kori é un neno de oito anos que soamente recoñece as palabras nos movementos da boca. Por iso é quen de saber o que lle di o seu mellor amigo, un pequeno camelo ao que trata de salvar camiño dese deserto co que sempre soñou. Quizais a súa aventura nunca termine, sobre todo pola mensaxe tan especial de Caramelo.

Smara, de Paula Carballeira e Carole Hénaff (Kalandraka, 2006): Si algún día viaxas ao deserto, busca a cidade que arrecende a cravo e fume, a perfume de muller. As súas noites están cubertas de estrelas e gardadas por dunas de area fina. Si algún día viaxas ao deserto pregunta pola Avoa Ugago, a dos cabelos brancos. Se tes a sorte de atopala, pídelle que che conte as historias que garda na súa memoria, os segredos do Sáhara.

La llave, de Angéle Delaunois e Christine Delezenne (Lóguez, 2010): A miña casa foi construída nun campo de olivos moito antes do meu nacemento. A casa, chea de ledicia, onde crecen os nenos e as flores. Sen embargo, a guerra alcanzou a toda a familia. Antes de partir, Baba, a avoa, oculta a chave da casa no seu velo. Todos esperan regresar cedo. Pero, pouco a pouco, o tempo vai minando a esperanza do regreso.

El color de la arena, de Elena O’Callaghan e María jesús Santos (Edelvives, 2009): O avó di que o mar é azul pero ela nunca o viu. Debuxouno na area, e o seu mar non é azul. É da mesma cor que as cabras e os camelos: a cor da arena. O seu avó dille tamén que o día que ela mire o mar poderá pintalo de azul, e ese día serán libres.