
Ao lobo sempre lle tocou facer de malo da película. Nos contos infantís aparece habitualmente como un animal feroz, ruín, case infernal, que ameaza ao home chegando a converterse no seu peor inimigo. Esta teima co “lobo feroz” procede da connotación negativa que tivo na nosa cultura ao longo dos séculos. Nunha sociedade ancestral, agraria, cunha economía de subsistencia, o lobo parecía competir coas persoas polos mesmos espazos e recursos. O feito de que puntualmente puidese atacar ao gando cando había escaseza de caza no monte, xunto cos seus hábitos de animal certamente singular, alimentaron o mito dun ser poderoso e maléfico que case o levou á extinción. Os contos clásicos do “lobo feroz” son produto desa cultura de enfrontamento e rivalidade con este nobre animal do que proceden todas as especies e razas de cans do mundo. Contraditoriamente, os cans son “o mellor amigo do home”, pero os lobos parecían ser o seu peor inimigo.
Hoxe en día, afortunadamente, sabemos máis do tema. Por exemplo, que o lobo é vital para o equilibrio do noso ecosistema impedindo a proliferación doutras especies como o xabarín, cuxa sobrepoboación si fai estragos no rural. Que o lobo nunca ataca ás persoas, senón que sempre escapa porque nós somos o seu depredador natural. Que moi rara vez ataca ao gando: a maioría dos seus hipotéticos ataques se confunden cos de cans asilvestrados, que tanta mala prensa lle dan ao lobo. Ou que é unha especie que funciona como un auténtico sanitario da natureza, eliminando a animais enfermos e potencialmente infecciosos do medio natural. En total, que é unha especie que hai que defender e protexer, porque é parte do noso ecosistema, da nosa historia e de nós mesmos como sociedade.
Este cambio na percepción do lobo que se está a dar na (maioría da) nosa sociedade, ten coma resultado un cambio cultural, e este cambio cultural volve a reflectir na temática dos contos e na forma de tratar ao lobo coma protagonista dos mesmos. Afortunadamente, xa temos ducias de libros infantís nos que o lobo aparece coma un animal nobre, respectable, agarimoso e mesmo como unha vítima da falta de información obxectiva e de convencións sociais aparcadas no tempo.
Desde a biblioteca do Porriño propoñemos unha selección de contos onde o lobo non é un “lobo feroz”: todos están dispoñibles na nosa colección. E para completar, tamén recomendamos outros libros que non temos pero podedes atopar no mercado editorial. Contos diferentes para contar historias de lobos diferentes…

Selección de contos (que temos na biblioteca):

Lobiños, de José Carlos Román e ilustracións de David R. Lorenzo (Narval, 2018)
Os irmáns lobiños almorzan tortiñas con mel e saen a buscar novos amigos ao bosque. Gústalles moito xogar, pero o resto dos animais escapan, agóchanse, teñen medo deles. Un conto que ensina que as cousas non son sempre como parecen. No bosque pode haber animais moi perigosos… pero desde logo non son estes deliciosos lobiños.
—————-

O lobo, de Xan Rodiño, con ilustracións de María Lires (Sotelo Blanco, 2002)
Un sinxelo conto para os máis pequenos da casa, que fala das desventuras dun pobre oso no bosque. Está medio cego porque lle deron nun ollo cunha pedrada; no monte xa non hai comida e ten que achegarse á aldea para buscala, co perigo de que o cacen: sempre está fuxindo, con medo, asustado. Antes o bosque era un lugar perigoso. Pero agora xa non, agora xa non queda case ningún animal. Os humanos acabaron con todos.
—————-

Feliz feroz: o lobiño riquiño, de El Hematocrito, con ilustracións de Alberto Vázquez
A irmá de Lobo Feroz está moi preocupada porque o seu fillo non e feroz: e boísimo. Feroz dille que o mande uns días para a súa casa, que xa se encarga el de convertelo nun lobo de verdade. Lobiño visita o seu tío e tenta facer o que lle pide: cazar coellos, asustar a Carapuchiña, comer os tres porquiños… Pero nunca o fai ben: comparte unha ensalada cos coellos, se fai amigo de Carapuchiña e ponse a xogar cos tres porquiños. Este lobiño é un desastre…
—————-

Vaia cabuxiño!, de El Hematocrito, con ilustracións de Mar Villar.
O Lobo Feroz é un cidadán respectable e responsable que coida do seu sobriño e rexenta unha xastraría. Iso é agora, antes o Lobo non era así. Non era feliz. Só era feroz. Os habitantes do bosque temíano porque era unha besta parda que comía todo canto se lle puxese diante. Ata que un día un cabuxiño se enfrontou a el co seu enxeño.
—————-

Xa non son malo, de Paula Merlán, con ilustracións de Blanca Millán
Lobo Feroz vive nas Fragas Floridas co seu amigo Ourizo Rufo. Xuntos vixían os bosques e reciclan o lixo que atopan polo camiño. Aínda así, algúns desconfían del, porque no pasado portouse bastante mal con algún dos animais. Pero todos temos a oportunidade de cambiar. Lobo Feroz agora xa non é malo, pero… será quen de demostralo?
—————-

Feroz, o lobo, de Margarita del Mazo, con ilustracións de Leire Salaberría (OQO, 2014)
Cando esperta, Feroz arránxase e sae a toda présa en busca de Carapuchiña. Pasa pola casa da avoa, da nai e finalmente pola dos tres porquiños. Pero non só non dá con ela senón que polo camiño recibe insultos, guíndanlle unha xerra de auga e ata un ladrillo. Ferido, coxo e con fame, métese no bosque onde por fin a atopa. Pero un cazador dispáralle. Carapuchiña acude na súa axuda, porque ela e o lobo son grandes amigos e o lobo andaba na súa busca para compartir unha cousa xuntos. Unha historia dun lobo que se atopa co menosprezo de todos os que se lle cruzan no camiño. A súa mala fama inxustificada, polo menos neste conto, perségueo e case o mata.
—————-

Lo que no vio Caperucita Roja, de Mar Ferrero (Edelvives, 2016)
Nesta orixinal versión do clásico conto de Carapuchiña Vermella, os catro narradores (Carapuchiña, a avóa, o lobo e os animaliños do bosque) ofrecen novas perspectivas do que sucedeu tras o encontro da nena e o lobo. Carapuchiña e o lobo crúzanse no bosque, o lobo dálle indicacións para chegar a casa da súa avóa, e por erro quédase coa cesta da comida da nena. Toma un atallo para alcanzala, pero os animais do bosque danlle unha paliza. Cando o lobo chega a casa da avóa, esta coida das súas feridas e o mete na cama cun dos seus camisóns. Carapuchiña chega e queda sorprendida co tamaño dos ollos, orellas, dentes, etc da que parece ser a avóa. O lobo sorpréndese da pésima visión da nena e a avoíña termina levando a nena á óptica, onde solucionan o seu problema de miopía cun par de gafas.
—————-

La caperucita lectora, de Rucy Rowland, con ilustracións de Ben Mantle (Maeva, 2018)
Á pequena Carapuchiña lectora lle encanta ler libros e inventar as súas propias historias. Unha mañá, de camiño á biblioteca atópase cun astuto lobo que lle convence de que se afaste do camiño e quede a ler un chico nun claro do bosque. Xa coñeces esta historia? Quizais chegara o momento de que imaxinemos un novo final…
—————-

La ovejita que vino a cenar, de Steve Smallman, con ilustracións de Joelle Dreidemy (Beascoa, 2007)
Un conto delicioso cheo de valores como a amizade, a xenerosidade e a aceptación das diferenzas. Na casa do vello lobo famento sempre hai para cear unha miserable sopa de verduras. Pero unha noite chaman a porta da súa pequena cabana e resulta ser unha pobre ouvella que se perdeu. O lobo, entón, comeza a pensar que esa noite vai poder encher o estómago cun delicioso estofado… Pero é demasiado sensible para facelo. É incapaz de facerlle mal a un ser tan necesitado como esa ouvelliña. Acabarán por abrazarse, darse bicos e facerse grandes amigos.
—————-

El lobo hace huelga, de Christophe Pernaudet, con ilustracións de Sébastien Chebret (Juventud, 2016)
Algo extraño sucede no mundo dos contos: ¡o lobo desapareceu de todos! Que está a pasar? Os tres porquiños, a Carapuchiña Vermella e a cabra do señor Seguin convocan unha asamblea para buscar unha solución. O lobo decidiu facer folga porque está cansado de ser sempre o malo. Todas as personaxes dos contos tratan de convencelo para que volte: ¡os contos o precisan para que as súas historias teñan sentido e, sobre todo, aos nenos lles encanta terlle medo! Lobiño, deixa a folga e volve aos contos de lobos!
—————-

¡Voy a comedte!, de Jean-Marc Derouen, con ilustracións de Laure du Faÿ
Parece o típico lobo malo dos típicos contos de lobos: está famento e espera no bosque a que apareza algún animal para papalo. Pero o lobo deste conto acaba sendo o máis inocente do bosque, confiado, agarimoso, amistoso, e cun problema de dicción. Tal mal o pasa o pobre lobo que acaba volvéndose vexetariano.
—————-

El lobo gris y la mosca, de Gilles Bizouerne, con ilustraciones de Ronan Badel
Outra historia onde o lobo non é un ser malvado, senón un animal simpático. Como no conto anterior, este lobo tamén ten problemas de dicción. O lobo gris nunca sospeitou que tragarse unha mosca pudiera facelo cecear. Os seus compañeiros ríense del e o xefe o bota da manada por ridículo. Non pode máis, ten que deixar de cecear! Para librarse del, ocúrreselle unha idea… pero será boa idea?
—————-

El lobezno perdido, de Jim Field, con ilustracións de Rachel Bright
Un entrañable conto de lobos. Wolfie, o máis pequeno da manada de lobos, non quere que ninguén o axude: xa é maior e capaz de facelo todo por si mesmo. Pero cando se perde no máis profundo da noite ártica, Wolfie dase de conta de que en ocasións todos necesitamos a axuda dun amigo. Unha gran aventura para os que ceren que poden sos con todo.
Outros contos recomendables (que non temos na biblioteca):

















