
Nestas xornadas organizadas desde a Concellería de Cultura e Igualdade do Porriño, a través da biblioteca municipal, abordarase, desde diferentes puntos de vista, como podemos favorecer o correcto desenvolvemento das nosas fillas e fillos desde que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta máis saudable e enriquecedora.
Desde diferentes perspectivas profesionais, trataranse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, o psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros.
Ofrecerase valiosa información que, desde o coñecemento científico actual, permita acompañar esta etapa primordial, onde se asentan as bases do equilibrio vital e así saber afrontar os diferentes retos na vida adulta.
Grazas á neurociencia, sabemos que ter unhas persoas coidadoras de referencia e un variado número de experiencias sensoriais, brindaralle ás cativas e aos cativos as oportunidades para acadar un bo desenvolvemento na procura do seu máximo potencial.
Todo isto, exposto desde a sinxeleza das experiencias vitais que nos ofrece o día a día e coa atención posta nos detalles importantes, que a miúdo pasan desapercibidos polo remuíño de ofertas e o ritmo estresante ao que estamos expostas/os.
Unha oportunidade única para saber do desafío que supón o desenvolvemento do cerebro infantil e cal é o noso papel como persoas coidadoras; como as figuras referentes ou as persoas que atendemos as súas necesidades en momentos puntuais. O xeito de comunicármonos coas crianzas tamén as condiciona.
Xa o sabes, garda na túa axenda o segundo venres de cada mes do primeiro semestre de 2022! Non o esquezas, ás 18:30 h. O programa das xornadas Acompañando na aventura de crecer é o seguinte:
- Primeira sesión: venres 14 de xaneiro
Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo, por María Couso Barja - Segunda sesión: venres 11 de febreiro
Entende como crece, por Vanesa Gómez Gándara - Terceira sesión: venres 11 de marzo
Aprende a ver como ve, por Antía Blanco Bernárdez - Cuarta sesión: venres 8 de abril
O xogo a través dos sentidos, por Mari Carmen Vaqueiro Álvarez - Quinta sesión: venres 13 de maio de 2022
Imos querermos ben, por Vanessa Cortegoso Díaz - Sexta sesión: venres 10 de xuño de 2022
Desde lactar ata falar, todo un camiño de comunicación, por Eva López Domínguez

SERVIZO DE ACOMPAÑAMENTO INFANTIL: Para todas as sesións, a biblioteca proporcionará un servizo de acompañamento infantil, onde as nais e pais que o desexen poderán deixar as súas crianzas con toda a seguridade durante as conferencias. O servizo de acompañamento incluirá animación infantil para entreter as vosas fillas e fillos, e aproveitaremos para mostrarlles o fondo bibliográfico da biblioteca municipal.
EMAIL: Durante as xornadas (de xaneiro a xuño) tamén se habilitará o correo electrónico xornadasbibliotecas@oporrino.org onde as persoas interesadas poderán contactar coa organización, ou adiantarnos as túas inquedanzas ou intereses, que se resolverán na charla pertinente.
Conferencia: Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo
Imparte: María Couso Barja
Data: 14 de xaneiro de 2022
Hora: 18.30.
Acceso: entrada libre ata completar aforo.
Moitas familias e profesionais, levadas pola falsa crenza de que a tecnoloxía é sinónimo de desenvolvemento, introducen as súas fillas e fillos no mundo dixital a idades prematuras, inferindo que os seus cerebros son diferentes do dos nosos avós. A través desta conferencia, coñeceremos cal é o impacto no desenvolvemento cognitivo a todos os niveis do uso das pantallas na infancia e por que é importante intentar retrasar este uso cunha base totalmente rigorosa e científica.

María Couso Barja é unha Pedagoga e mestra, que leva desenvolvendo a súa paixón pola educación desde hai 16 anos. Intervén no proceso de mellora da aprendizaxe en nenas e nenos con dificultades neste ámbito e axuda á inserción no sistema doutras/os adoptadas/os no estranxeiro por familias galegas.
Desde 2019 ofrece formacións ao profesorado e ás familias de forma aberta por todo o territorio nacional co seu proxecto en modalidade presencial “Cerebro e Xogo”, que promove o uso dos xogos de mesa como ferramenta de aprendizaxe (ABX) e facilita o seu achegamento pola rede social de Instagram a través do perfil Play.FunLearning. Paralelamente, imparte formación sobre competencia lingüística e matemática, así como sobre desenvolvemento cognitivo en universidades, foros de educación nacionais e centros de formación docente.
Conferencia: Entende como crece
Imparte: Vanessa Gómez Gándara
Data: 11 de febreiro de 2022
Hora: 18.30
Acceso: entrada libre ata completar aforo.
O contido da charla será o desenvolvemento motor normal na primeira infancia, falaremos sobre os principais fitos de cada etapa e explicaremos como acompañar o voso bebé en cada momento, así como algunhas claves para detectar calquera problema de maneira precoz.

Vanesa Gómez Gándara é fisioterapeuta colexiada. Especialista en pediatría, con formación en fisioterapia respiratoria, desenvolvemento motor, problemas dixestivos e terapia manual.
Imparte talleres de formación para familias, en colaboración coas matronas nos talleres prenatais e postnatais. Na súa imparable curiosidade por aprender, actualmente leva a cabo a formación “Método B-B”, unha disciplina integradora no tratamento cos bebés. Ademais, organiza charlas sobre masaxes infantís e é asesora de lactancia e porteo, entre outras.
Conferencia: Aprende a ver como ve
Imparte: Antía Blanco Bernárdez
Data: 11 de marzo de 2022
Hora: 18.30
Acceso: entrada libre ata completar aforo.
Nesta conferencia falaremos de canto e como ven as nenas e nenos nas diferentes etapas polas que pasan desde o seu nacemento. Comprenderás comportamentos e limitacións para saber, así, acompañar o seu desenvolvemento visual en cada momento. Este coñecemento axudarache, tamén, a detectar precozmente posibles interaccións da visión nas súas aprendizaxes.

Antía Blanco Bernárdez é diplomada e graduada en Óptica e Optometría pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Investigación en Ciencias da Visión e Alta Especialización en Optometría Comportamental e Terapia Visual. Premio de fin de carreira á Excelencia Académica da Comunidade Autónoma de Galicia. Fundadora e directora clínica do Centro Videre. Apaixonada da investigación optométrica, a divulgación e o día a día no seu centro cos seus pacientes. Ademais, é socia clínica e membro da actual Xunta de SIODEC (Sociedade Internacional de Optometría do Desenvolvemento e o Comportamento).
Conferencia: O xogo a través dos sentidos
Imparte: Mari Carmen Vaqueiro Álvarez
Data: 8 de abril de 2022
Hora: 18.30
Acceso: entrada libre ata completar aforo.
Unha precisa e axeitada integración sensorial senta as bases para a percepción e o movemento, a regulación e o dominio dunha gran cantidade de habilidades para a vida. Nesta xornada aprenderemos como fomentar, a través do xogo, un bo procesamento sensorial nos nosos bebés, fundamental para a aprendizaxe e a saúde ao longo do seu desenvolvemento.

Mari Carmen Vaqueiro Álvarez é terapeuta ocupacional especializada en infancia e en integración sensorial pola Universidade do Sur de California. Está en continua formación en áreas que enfocan un modelo transdisciplinario. Apaixonada da natureza e dos seus beneficios, fundou un centro de estimulación innovador no Porriño (“Inquedanzas”), onde actualmente dirixe un equipo multidisciplinario de profesionais e no que acompaña ás crianzas e ás familias.
Conferencia: Imos Querermos ben
Imparte: Vanessa Cortegoso Díaz
Data: 13 de maio de 2022
Hora: 18.30
Acceso: entrada libre ata completar aforo.
O tipo de apego e o estilo de crianza familiar inflúen no desenvolvemento psicosocial da/o nena/o e da persoa adulta. Aprende a validar as súas emocións e a acompañala/o na súa aprendizaxe de autorregulación e autonomía.

Vanessa Cortegoso Díaz é Psicóloga especializada en trauma e apego. Máster en Neuropsicoloxía, Terapeuta EMDR e Neurobiofeedback. Facilitadora en disciplina positiva e crianza respectuosa.
Conferencia: Desde lactar ata falar, todo un camiño de comunicación
Imparte: Eva López Domínguez
Data: 10 de xuño de 2022
Hora: 18.30
Acceso: entrada libre ata completar aforo.
Charla evolutiva desde a importancia da lactación nun inicio e os seus beneficios a nivel muscular á hora de desenvolver a linguaxe, e que destrezas son as máis importantes para conseguir unha linguaxe formal e poder comunicarse con calquera persoa.

Eva López Domínguez é diplomada en Logopedia e en Audición e linguaxe pola Universidade da Coruña. Posgrao de atención de calidade e integración en persoas con autismo. Asesora de lactancia, con 18 anos de experiencia como logopeda en diferentes entidades públicas e privadas. Fundadora e coordinadora do centro de estimulación e aprendizaxe Afalar desde 2010. Coidadora de nenas e nenos con discapacidade para a Xunta de Galicia e cunha experiencia profesional que abarca desde o nacemento ata a vellez, con maior énfase na poboación de 3 a 18 anos.
Coordinación das xornadas

Laura Alonso Coto é óptico-optometrista con formación de posgrao en Optometría Clínica e Terapia Visual. Ampla e continua formación no ámbito do desenvolvemento infantil, así como asistente e relatora en diferentes cursos do ámbito nacional e internacional.
Socia clínica de SIODEC (Sociedade Internacional de Optometría do Desenvolvemento e o Comportamento) e socia voluntaria de “Abre sus Ojos”, con quen colabora nos programas de avaliación a pacientes con discapacidade intelectual e necesidades visuais.
Actualmente, traballa como profesora impartindo cursos para optometristas coa “Asociación Española de Optometristas Unidos” e dirixe a súa propia consulta de optometría na clínica “Sastre & Rojo” (Vigo).