
Situadas no centro do núcleo urbano do Porriño as instalacións da biblioteca municipal do Porriño ocupan gran parte do Centro Cultural da nosa vila. Trátase do histórico edificio das Escolas Graduadas, construído entre 1926-1929 polo arquitecto Antonio López Hernández, que sería restaurado e reaberto no seu estado actual no ano 1990. O edificio do Centro Cultural presenta tres plantas onde se distribúen varios servizos como a OMIX, as oficinas do departamento de Cultura e o auditorio municipal. A biblioteca ocupa o primeiro andar do edificio, aínda que realmente todos os espazos do edificio forman un conxunto funcional e son multidisciplinares. A biblioteca tamén conta cunha sala de estudo situada no Centro Cívico próximo.
A biblioteca está aberta ao público entre as 9.00 e as 20.00 de luns a venres, e a sala de estudo do Centro Cívico entre as 8.30 e as 22.30 e sábados de 9.00 a 14.00. Estes horarios poden sufrir modificacións durante o verán, en festividades e outras circunstancias excepcionais. Podes acceder á biblioteca libremente, sen ningún tipo de acreditacións de identidade, excepto para o uso do servizo de préstamo e outros determinados, para o cal terás que solicitar o teu carné de socio.
Os diferentes espazos da biblioteca soen estar bastante concurridos, aínda así ten en conta que se trata de instalacións que requiren unhas determinadas condicións de silencio: é obrigatorio gardar silencio e silenciar os móbiles na sala xeral e na sala de prensa: hai que ser respectuosos co resto dos usuarios que teñen todo o dereito de ler ou estudar tranquilamente. No resto das instalacións permítese falar e ter conectado o son dos móbiles, sempre cun razoable volume, xa que se trata dun edificio aberto onde todos os espazos están conectados.
Algunhas normas máis: nas salas non se permite comer nin beber (excepto auga), entrar con animais nin reservar postos de lectura. Tampouco se permite alterar a orde, e deberedes respectar aos demais usuarios e ao persoal da biblioteca, axustar a vosa conduta aos principios democráticos e de convivencia, ás instrucións que indiquen os responsables da biblioteca, e facer un uso axeitado de cada un dos seus espazos. Loxicamente, está prohibido fumar en tódolos espazos da biblioteca.
Se tedes algunha dúbida con respecto ao resto das normas, ás condicións de uso dos diferentes servizos, espazos e colección, ou simplemente preguntar por algún libro, sempre poderedes acudir ao persoal da biblioteca no mostrador de entrada do primeiro andar. Estamos para axudarvos.
Recepción

O espazo de recepción é o primeiro que encontras no primeiro andar. Aquí atoparás o mostrador de tránsito, devolución e préstamo, a información e referencia da biblioteca.
Sala xeral

A sala xeral ou de consulta é o maior espazo da biblioteca. Ocupa gran parte do primeiro andar e acolle a maior parte da nosa colección en libre acceso, xunto con varios centros de interese, a sección audiovisual ou a hemeroteca.
A maior parte da nosa colección está distribuída nos estantes desta sala, organizados en varios corredores. Nos corredores poderás observar carteis que che informarán dos libros que conteñen, ordenados segundo os criterios da Clasificación Decimal Universal, e divididos en ensaio e literatura. Dentro da literatura, hai unha nova distinción por idiomas: literatura galega e o resto; e dentro de cada idioma hai unha sección para a poesía, o teatro e a narrativa. En fin, para calquera dúbida que teñas, ou se buscas un libro en concreto, non tes máis que preguntarnos.
Sala infantil

A sala infantil está destinada a nenos e nenas de ata 12 anos de idade. Poderán acceder tamén os adultos que acompañen aos menores, e os usuarios da Comicteca para consulta e préstamo de obras. Verás que a sala está acondicionada con varias cadeiras, mesas e mobiliario específico para os menores, así como decorada cun mapamundi e murais realizados polos escolares do Porriño.
Temos unha gran colección de libros para lectores de entre 0 e 14 anos, dividida segundo sectores de idade: de 0 a 5 anos (punto azul), de 6 a 11 anos (punto vermello) e de 12 a 14 anos (punto verde). Dentro de cada apartado de idade tamén encontrarás unha división en función do idioma: galego por un lado, castelán polo outro. Ademais, temos unha sección con libros escritos noutros idiomas: catalán, éuscaro, francés, portugués, alemán, romanés, árabe, ruso, chinés…
Na sala infantil atoparás tamén unha sección audiovisual, con DVD´s de películas infantís, ademais dunha ampla colección de series de debuxos animados e anime.
Sección audiovisual

Temos á túa disposición unha ampla colección audiovisual en DVD composta por máis dun milleiro de títulos, susceptibles de ser prestados nas mesmas condicións que os libros. A sección audiovisual está dividida en infantil e xeral.
Na colección xeral, disposta na Sala Xeral, atoparás unha recompilación das mellores obras da historia do cine, dende os clásicos do cine mudo, ata as películas máis actuais. Trátase dunha selección moi coidada, onde se prima a calidade, e onde tratamos de ofrecer as mellores películas de todas as épocas e procedencias. Deste xeito encontrarás obras representativas de todas as cinematografías mundiais (cine europeo, americano, asiático, africano…), procedentes de todos os períodos e movementos. Ademais, xunto cos DVDs atoparás unha ampla colección de libros sobre cine: historia, dirección, realización de guións, etc.
Por outra banda, na colección infantil, disposta na Sala Infantil, atoparás un conxunto de películas en DVD de todos os perfís, dende Disney ata manga, pero tamén distintas coleccións de DVDs educativos (Activa tu mente, Planeta Hoobs, Magic English, Barrio Sésamo, Érase unha vez o home, o corpo humano, os exploradores, os inventores…), e as mellores coleccións de series infantís: Heidi, Marco, Kika Superbruja, Willy Fog, Dora la Exploradora, Bob Esponja, Mortadelo e Filemón, Hello Kitty, Tintín, Abeja Maya, Gerónimo Stilton, D’Artacan, Crecer con los Lunnis…).
Sección local

Somos unha biblioteca municipal, implicada coa historia e o futuro do noso concello, polo que lle concedemos un lugar moi importante á sección local. Atoparás esta sección na Sala Xeral da biblioteca. No ano 2004 comezamos con este programa, que pretendía reunir nun espazo da biblioteca todas as obras escritas por autores porriñeses ou cunha especial vinculación coa localidade; as obras producidas por entidades residentes no Porriño; obras cunha temática centrada no noso concello ou mesmo algunhas publicacións singulares que foron impresas nas imprentas históricas do Porriño. Todas elas conforman unha colección de case 500 publicacións en formato texto, publicacións periódicas, gravacións sonoras ou videogravacións, que conservamos con gran celo.
O programa do fondo local comprende dúas vertentes. Por un lado, recompilar todo ese material publicado e que se está a publicar, e por outra, asegurar o acceso ao mesmo de toda a cidadanía porriñesa. De aí que o pretendamos promocionar, difundir o seu valor e asegurar a súa consulta, cunhas condicións especiais de acceso para asegurar tamén a súa conservación cara as próximas xeracións.
Xa que logo, as obras pertencentes a esta sección están excluídas do préstamo a domicilio, podendo ser consultadas en acceso indirecto. Para facelo, soamente debedes solicitalas ao persoal da biblioteca e facer entrega temporal dun documento de identificación mentres as consultades.
Comicteca

A biblioteca do Porriño ten unha das maiores comictecas que se poden atopar en Galicia, unha sección cunha ampla colección de cómics de todos os xéneros e para todas as idades. Creada no 2007, cando a presencia da banda deseñada nas bibliotecas aínda estaba cuestionada, trátase dunha das seccións máis dinámicas e usadas de toda a nosa colección. Poderás atopar nela máis de 2.000 títulos de cómic galego, español, europeo, hispanoamericano, norteamericano e manga xaponés (sojo, shonen, seinen…), dende as novelas gráficas independentes da máis rabiosa actualidade ata as series clásicas de toda a vida.
A comicteca está divida en dous seccións. A parte principal poderás atopala na Sala Infantil, onde se sitúa o groso da colección, mentres que na Sala Xeral encontrarás unha sección coas obras de contido erótico, violento ou demasiado explícito para estar na Sala Infantil. Ambas seccións, sen embargo, teñen as mesmas condicións de uso e préstamo.
Caixa de devolución

A caixa de devolución está situada diante do edificio da biblioteca. Nela podedes devolver os vosos exemplares prestados durante ás 24 horas do día os 7 días da semana, con toda a comodidade e con independencia do horario de apertura da biblioteca.
A caixa está situada ao carón da praza de aparcamento reservada para as usuarias e usuarios da biblioteca, para que sexa máis cómoda a devolución se vides en vehículo.
Sala de estudo

A sala de estudo pública do Concello do Porriño está situada nas instalacións do centro cívico, na rúa Domingo Bueno 13. Un espazo con 72 postos de estudo que complementa aos espazos de uso bibliotecario.
Esta separación de espazos con funcións diferenciadas, da solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, e a biblioteca municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico, facendo deste goce un agradábel convite.
En definitiva, preténdese converter a biblioteca nun lugar polivalente que non exclúa ningunha posibilidade, sendo máis atractiva, e con diversidade nos espazos.