
A misión da biblioteca
A Biblioteca Municipal do Porriño é un servizo público comprometido coa promoción lectora e a educación da cidadanía, dentro do marco da igualdade e a diversidade social. Realizamos actividades que contribúen a forxar cidadáns libres e creadores de opinión, utilizando os medios que as tecnoloxías da información e da comunicación nos ofrecen. Queremos que a biblioteca creza xunto aos nosos usuarios infantís, acompañalos no longo camiño da vida e axudalos a descubrir todos os recursos da información dispoñibles. A recuperación da historia do Porriño, e a participación na construción do seu futuro, son as nosas referencias principais.
A visión da biblioteca
A Biblioteca Municipal do Porriño pretende ser o centro básico de información e coñecemento do Concello do Porriño e a súa área de influencia, unha institución referente e innovadora no uso das tecnoloxías da información e a comunicación.
Os valores da biblioteca
- Temos un compromiso coa comunidade á que servimos.
- Enfocamos os nosos servizos cara a satisfacción dos nosos usuarios.
- Orientamos a cultura da nosa organización dirixindo os esforzos á mellora continua dos servizos.
- Planificamos tendo en conta o pluralismo cultural.
- Equidade, solidariedade, honestidade, diálogo, respecto, sentido de pertenza e responsabilidade.
A historia da biblioteca
A Biblioteca Municipal do Porriño abriu as súas portas en maio de 1990 co fin de concentrar no seu espazo os servizos bibliotecarios do municipio. Nun principio, sería inaugurada nun pequeno local da Praza Central da localidade, nunhas instalacións de pequenas dimensións das que, sen embargo, varias xeracións de porriñeses gardamos un grato recordo, xa que viñan a suplir unha gran demanda cidadá neste sentido. Sen embargo, pouco despois de ser inaugurado, aquel reducido espazo amosaríase pequeno de máis para facer fronte á grande demanda de libros e socios. Xa que logo, o Concello levaría a cabo o proxecto de trasladar a biblioteca, concentrando nun edificio de grandes dimensións todos os servizos culturais do Porriño.
O edificio escollido serían as antigas Escolas Graduadas, unha obra do eclecticismo clasicista que fora construída entre 1926 e 1929 polo arquitecto Antonio López Hernández. Este gran inmoble, no que estudaran varias xeracións de porriñeses, sería amplamente restaurado, e o novo Centro Cultural do Porriño, no que se incluía a nova biblioteca porriñesa, sería inaugurado no ano 1993.
Falemos un pouco do antigo edificio das Escola Graduadas, unha construción fundamental na historia porriñesa. A creación daquela obra respondía ás malas condicións nas que se efectuaba o ensino público no Porriño, con graves carencias nas dúas escolas unitarias que funcionaban na vila. O mal estado destas escolas xerara ao longo da década de 1920 diversas polémicas na prensa porriñesa e viguesa, considerando a necesidade de cambiar o modelo de escolas unitarias polo de escolas graduadas. No 1926 o arquitecto coruñés Antonio López Hernández redacta o proxecto da escola, que será parello á apertura da actual Rúa Domingo Bueno. As obras conclúen no ano 1929, levantándose un edificio mostra do eclecticismo clasicista da década de 1920, caracterizado por unha linguaxe máis depurada na ornamentación e pola presenza dun esquema compositivo clasicista, que neste caso aparece un tanto enmascarado.
Este edificio das Escolas Graduadas chegaría ata nós sen alteracións no seu aspecto exterior, pero perdida a función docente sufriría unha profunda remodelación interna. Seguindo un proxecto do arquitecto Carlos Andrés Vallejo, como diciamos anteriormente, en 1993 sería transformado no actual Centro Cultural Municipal. Con esta actuación lográbase concentrar nunha unidade espacial todos os servizos de carácter cultural do concello, entre os cales destaca a biblioteca, xunto co Departamento de Cultura, a OMIX, a sala de exposicións e o auditorio municipal.
Dende aquela, a biblioteca municipal tivo unha dilatada historia de servizo á cidadanía porriñesa. Fitos destacados no seu devir serían a apertura da nova Sala Infantil no 2006, da comicteca no 2007, e de todo un conxunto de propostas e actividades de animación á lectura con gran éxito na nosa comunidade. Esta ilusión por evolucionar fíxolle ser merecedora dos Premios da FEMP, como unha das 350 mellores bibliotecas do Estado durante 14 veces entre os anos 2002 e 2018. E, sobre todo, destacar como gañadora do 1º Premio Nacional María Moliner de Animación á Lectura 2006 do Ministerio de Cultura, e dunha Mención Especial do mesmo premio no 2008, así como doutros galardóns entre os que destacan o Premio Abril Mes dos Libros da Xunta de Galicia (ano 2007), Premio Cultura do Círculo Recreativo Cultural ou o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia (2022) da Xunta de Galicia.
Pero o maior premio, si cabe, é o acompañamento e apoio que a biblioteca do Porriño leva tendo todos estes anos por parte dos porriñeses e veciños. A satisfacción das necesidades dos seus usuarios e a positiva resposta por parte destes, teñen feito que a biblioteca do Porriño destaque no sistema bibliotecario dende hai anos como un dos principais centros de Galicia e como unha das bibliotecas máis activas da nosa comunidade, sendo durante moitos anos a biblioteca con más préstamos per cápita de toda Galicia. A ilusión por medrar e mellorar, seguen destacando como referentes dun servizo fundamental na historia do Porriño.
En outubro de 2017 entramos a formar parte da nova Rede de Bibliotecas de Galicia, cambiando todos os nosos programas para o sofware libre Koha, e entrando a formar parte dunha gran rede de bibliotecas que traballamos de forma cooperativa.