Servizos

Carné de usuario
Consulta en sala
Información bibliográfica
Préstamo
Renovación
Reservas
Desiderata
Préstamo de ebooks
Referencia dixital
Alfabetización dixital
Acceso a Internet
Reprografía e impresión

.

Carné de usuario

O carné de usuario sirve para acceder a determinados servizos da biblioteca. Para obtelo, soamente deberás cubrir unha folla de solicitude incluíndo os teus datos básicos, axuntar unha fotografía (ou fotocopia desta) e unha fotocopia do DNI. Os menores de idade deberán ter asinada tamén a autorización por parte de pai, nai ou titor. Podes pedir a folla de solicitude na biblioteca ou descargala neste enlace (PDF 338KB).

¿En que prazo realizades o carné?

No prazo dun día. Avisámoste por teléfono en canto o podas recoller e usar.

Eu era socia hai tempo, ¿caducou o meu carné?

Non, o carné non caduca. Pero comproba que tes o carné novo (con código de barras), que é o único válido.

¿Que pasa se teño un carné sen código? ¿Ou se perdín o carné?

Facémoste un duplicado, e listo. Para iso soamente tes que entregarnos unha fotografía, e comprobar que temos os teus datos actualizados.

 .

.

Consulta en sala

A biblioteca ofrece máis de 60 postos de lectura na sala de consulta ou sala xeral, 5 postos na sala de prensa, e un gran espazo como sala infantil con varios postos máis. Todos eles poderás usalos para consultar a nosa colección, ler ou estudar, xa que en cada un atoparás estantes onde ofrecemos un conxunto organizado de fondos bibliográficos e audiovisuais. Poderás collelos libremente dos estantes  e consultalos onde queiras, respectando sempre as normas propias da cada sala. Despois de consultalos, por favor, deposítaos nos espazos destinados a tal fin.

¿Onde podo estudar?

Podes estudar na sala xeral, xa que alí atoparás silencio, pero has de ser consciente de que a biblioteca non conta cunha sala de estudo especificamente destinada a tal fin. Na sala de xeral pódese estudar, pero non é unha sala de estudo.

¿E podo usar o portátil en calquera sitio?

Si, onde queiras, pero ves soamente a conectarte, recomendámosche o espazo wifi que atoparás na entrada do edificio. Se usas o portátil nas salas, has de quitarlle o son. Atoparás enchufes distribuídos por cada unha delas.

.

.

Información bibliográfica

Atendemos todo tipo de consultas sobre a nosa colección, para que coñezas os recursos cos que podes contar e podas sacar o maior proveito deles: se temos algunha obra, se imos comprar unha novela nova, os libros que temos de determinado tema, como localizar unha película nos estantes… Para informarte sobre a nosa colección podes consultar directamente o catálogo da biblioteca a través de internet (vídeo explicativo) ou ben podes preguntar ao persoal da biblioteca, que estará encantado de botarte unha man naquilo que necesites.

Quero saber si tedes un libro, ¿a través de que medios podo comunicarme con vós?

Podes consultar o catálogo en internet, acudir ás nosas instalacións, chamarnos por teléfono (986337624), enviarnos un email… o que prefiras.

Estou facendo un traballo e quería información sobre un tema, ¿podedes dicirme onde atopar na biblioteca información ao respecto?

Por suposto. Informarémoste, orientarémoste e localizarémosche os documentos que estean dispoñibles na biblioteca sobre ese tema que necesitas.

.

.

Préstamo

O servizo de préstamo ten por obxecto que podas facer uso da nosa colección fóra das instalacións da biblioteca. Practicamente toda a nosa colección é susceptible de ser  prestada, agás dicionarios e as obras da Sección Local. Podes ter en préstamo ao mesmo tempo un total de 3 obras, por un prazo máximo de 15 días. Para facelo, simplemente escolle aqueles libros ou películas que che interesen e preséntaos no mostrador da biblioteca xunto co teu carné de socio.

¿Que pasa si non me da tempo a ler o libro no prazo de 15 días?

Podes renovalo sen problema, pero os exemplares han de estar sempre dentro do prazo de préstamo establecido.

¿E se me paso do prazo establecido?

Nese caso poderás ser penalizado, e non poderás facer uso do carné durante un determinado prazo de tempo.

¿E se perdo o libro?

Se extravías un libro deberás informarnos, e proporcionarémoste os datos da obra para que podas comprar outra nova e repoñela.

.

.

Renovación

No caso de que necesites máis tempo para ler un libro podes renovalo. Poderás facelo de dúas formas: fisicamente, presentando o teu carné de socio ou o libro; e telefonicamente (986337624), comunicándonos o teu número de socio ou número de rexistro do libro.

Poderás renovar os teus libros prestados ata dúas veces, e non poderás facelo no caso de que o libro xa estea reservado por outro usuario ou estea máis dun mes fora de prazo. Tampouco se poderán renovar libros moi demandados.

 ¿E non podo renovar os libros automaticamente por Internet?

Podes facelo presencialmente ou por teléfono (986337624). Non podes facelo nin por email nin dende o catálogo, xa que temos que comprobar que o libro non está reservado por outro usuario.

.

.

Reservas

Se queres un libro, pero está prestado, podes reservalo. Para iso fainos saber o libro que queres e o teu número de carné. Entrarás nunha lista de agarda, e cando o libro estea dispoñible para ti, chamarémoste por teléfono para avisarte. Poderás recollelo no prazo de dous días. Podes facer as reservas presencialmente, por teléfono (986337624) ou a través do noso catálogo en internet (vídeo explicativo).

Reservei un libro pero non me chamaron, ¿que pasou?

Probablemente aínda non te tocou. Pensa que hai libros que teñen unha gran demanda e pode haber máis persoas que o reservaron antes ca ti.

Chamáronme para dicirme que o libro estaba dispoñible, pero fun e xa non estaba…

Pasou que tardaches máis de dous días en vir. Agora o libro estará de novo nos estantes, ou prestado a outro usuario: nese caso poderías reservalo de novo.

.

.

Desiderata

Si non temos algún libro que che interese podes facer unha proposición de compra a través do servizo de desideratas, cubrindo unha solicitude que te entregaremos na biblioteca ou que podes descargarte aquí (PDF 435KB). A colección vaise formando tamén coa axuda dos usuarios, así que non te cortes: fainos as túas proposicións, podes pedir ata 6 libros ao ano. Nós tentaremos compralos e chamarémoste si están dispoñibles. Pero has de ser consciente de que unha desiderata non supón un compromiso de compra, e pode que non o podamos comprar: libros que non se axustan á colección, obras de temática moi específica, exemplares moi caros, obras descatalogadas, non publicadas, imposibles de servir…

¿Avisádesme cando cheguen os libros que pedín?

Si, avisámoste cando cheguen e avisámoste se non os podemos conseguir.

Pedín algúns libros e non os compraches, ¿por que?

Has de ser consciente de que unha desiderata non supón un compromiso de compra: é unha proposta de compra. Haberá libros que non podamos comprar. En todo caso, garantímoste que se usan criterios estritamente profesionais para decidir os libros que se poden comprar e os que non.

.

.

Préstamo de ebooks

A biblioteca ofrece préstamo de ebooks a través da plataforma de préstamo de libros electrónicos GaliciaLe. Trátase dun servizo independente do préstamo físico de libros ou películas, e cunhas condicións de uso específicas. GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas (ficción, informática, historia, ocio etc.), en castelán e galego e para todas as idades. Os socios da biblioteca anteriores ao 14 de outubro de 2014 poden rexistrase directamente neste servizo a través deste enlace, mentres que os que se fixeron socios con posterioridade a esa data serán rexistrados pola biblioteca.

Para poder acceder ao préstamo de ebooks, deberás ter un dispositivo compatible (tableta, ordenador persoal, lector de libro electrónico, teléfono móbil etc.) e unha conta de correo electrónico. Tamén deberás ter activa unha conta de AdobeID e unha aplicación de lectura (recomendamos Adobe Digitals Edition). Poderás tomar en préstamo ata un máximo de dous libros en cada catálogo (dous no catálogo do libro en galego e outros dous no catálogo do libro en castelán) que estarán á túa disposición durante un prazo de 21 días. Se a obra ou obras que buscas están prestadas, poderás solicitalas en reserva (ata un máximo de dúas).

¿Como podo saber os libros que teño en préstamo ou reservei?

A través do teu espazo persoal. Podes acceder coa túa conta de usuario (o nº do DNI sen letra) e o teu contrasinal. Alí terás toda a información que necesites.

Esquecín o meu contrasinal, ¿como fago?

Accede a este enlace, e introduce o teu número de usuario.

¿Onde podo recibir máis información sobre este servizo e os diferentes procesos?

Recomendámoste que consultes o manual de usuario de GaliciaLe.

.

.

Referencia dixital

A biblioteca ofrece aos seus usuarios un conxunto de obras de referencia online a través da rede de bibliotecas de Galicia. Poderás acceder a estes recursos electrónicos a través da túa conta de usuario (o teu número de socio da biblioteca) e contrasinal (o teu DNI incluíndo a letra).

Os recursos dispoñibles a través deste servizo son e_Junior.NET (Enciclopedia electrónica dirixida aos rapaces de primaria e primeiro ciclo de secundaria, adecuada aos contidos curriculares que se desenvolven nestas etapas), Aula Planeta (o maior banco de contidos dixitais en lingua española, que conta con innumerables materiais de consulta de todas as áreas do coñecemento cunha ampla oferta audiovisual -galería multimedia con fotos, vídeos, interactivos, audios…-, dicionario multilingüe, estatísticas, temas de actualidade etc.), Gale Virtual Reference Library (obras de referencia en formato electrónico en español) e Hemeroteca Dixital Iconoce de Sarenet (servizo de novas aparecidas en medios dixitais de todo o mundo: prensa, publicacións especializadas en economía, deporte, tecnoloxía… , blogs e confidenciais).

 Teño problemas para entrar cos meus datos

Comproba que estés escribindo ben o teu nume de usuario (nº de socio da biblioteca) e a túa contrasinal (o teu DNI con formato 12345678X)

.

.

Alfabetización dixital

A biblioteca é un espazo de de capacitación e formación nas competencias da información dixital arredor do libro e da lectura, pero tamén, de modo xeral, nas competencias para que o cidadán se desenvolva socialmente de forma íntegra. Somos mediadores na aprendizaxe da cidadanía. Deste xeito, realizamos actividades formativas sobre o uso dos diferentes dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, tablets, móbiles…), das distintas ferramentas (apps, servizos, comunidades virtuais…), ou na busca, selección e xestión de contidos en formato dixital. A biblioteca realiza esta alfabetización de modo presencial nas nosas instalacións a través de cursos, obradoiros e charlas, pero tamén de modo remoto na web, con videoformación e información na nosa páxina web e redes sociais.

Gustaríame aprender máis no uso de ordenadores e internet, ¿facedes cursos?

Si, temos un programa anual de formación no uso da informática e de internet, para varios niveis e para distintos sectores de idade. Consulta as nosas actividades ou ponte en contacto connosco.

Quería instalar una app de lectura de ebooks no meu smartphone, ¿podedes aconsellarme algunha?

Podemos, ponte en contacto connosco ou ben consulta o noso blog, onde imos publicando información sobre distintas apps e servizos dixitais sobre o libro e a lectura.

.

.

Acceso a internet

Na biblioteca poderás ter acceso a Internet por banda ancha a través de dous tipos de servizos. Por un lado poderás acceder vía wifi libremente en todas as instalacións do edificio, e especificamente no espazo wifi da planta baixa, reservado para o uso de portátiles e outros dispositivos móbiles. Para facelo conéctate á rede de nome “Biblioteca”: atoparás carteis indicando o contrasinal, e se non, pregúntanos.

Por outro lado, os socios da biblioteca tamén poderán acceder a internet, a programas de ofimática e imprimir documentos a través de catro terminais informáticas localizadas no interior da biblioteca. Este servizo ten unha limitación dunha hora ao día por usuario, e os menores de 16 años deben estar acompañados en todo momento por un adulto responsable.

 ¿Onde tedes maior cobertura?

No espazo wifi. Se ves soamente a conectarte, recomendámoste conectarte dende alí.

.

.

Reprografía e impresión

A biblioteca dispón de servizo público de reprodución reprográfica. A súa exclusiva finalidade é proporcionar fotocopias de documentos pertencentes á colección da biblioteca do Porriño. Non fotocopiamos outros documentos alleos aos nosos fondos (apuntes, documentos persoais, exemplares doutras bibliotecas, etc) e en todo momento se respectará a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual, coas limitacións que iso supón. As fotocopias serán realizadas, previa solicitude, polo persoal da biblioteca, de forma estándar, en formato DIN A4, en branco e negro, e teñen un custo por páxina de  7 céntimos de euro.

Tamén podedes imprimir os documentos que queirades dende os ordenadores públicos da sala de consulta, previa solicitude, e co mesmo custo das fotocopias.