Espazos para a comunidade

Espazos para a comunidade

A biblioteca do Porriño ofrece espazos onde a nosa comunidade pode aprender, traballar e relacionarse. Para iso conta cunhas instalacións céntricas, con horarios amplos de apertura e distintas ferramentas a disposición das persoas usuarias. Todos os nosos servizos e actividades son de uso público, aberto e gratuíto.

Poderás conectarte a internet vía wifi en todas as nosas instalacións, e tamén dispós de ordenadores para facelo. Facilitámosche o uso dos teus dispositivos tecnolóxicos: iluminación individual, conexións eléctricas en cada posto de lectura, etc. Ademais, atoparás distintos espazos onde descansar, conversar ou relacionarte.

As nosas instalacións están distribuídas en dous edificios: o edificio da Biblioteca e a Sala de estudo do Centro Cívico. Esta diferenciación de espazos busca dar resposta ás diferentes necesidades da nosa comunidade.

O edificio da Biblioteca (R/ Domingo Bueno 9) conta con tres andares. No primeiro andar tes á túa disposición un amplo espazo multidisciplinar con varias mesas e cadeiras onde poder conectarte, traballar en equipo ou relacionarte; tamén un auditorio para levar a cabo diferentes actos e actividades. No segundo andar atoparás as oficinas administrativas e a colección bibliográfica, distribuída entre a sala xeral e a sala infantil, ambas con distintas seccións, postos de consulta e mobiliario para a lectura. E no terceiro andar dispoñemos doutro amplo espazo multidisciplinar con material formativo (proxector, pantallas, encerados…) e mobiliario móbil onde desenvolvemos cursos, obradoiros e distintas sesións formativas como as do club de lectura, alfabetización dixital e de lectoescritura, etc.

A Sala de estudo está situada no edificio veciño do Centro Cívico (R/ Domingo Bueno 13). Trátase dun espazo especialmente habilitado para as persoas que buscan un lugar para estudar comodamente. Tamén tedes conexión por wifi e por cable, conexións eléctricas, iluminación axeitada e o necesario silencio para a concentración.