
O aumento dos problemas e trastornos mentais representa un desafío para o futuro da humanidade, e actuar na idade infantil resulta clave para atallalo. Todos os axentes sociais poden traballar neste obxectivo desde o seu campo de acción, facendo posible unha vida máis alentadora para os nosos nenos e nenas.
No que respecta ao ámbito das bibliotecas, estas teñen a oportunidade de colaborar coa biblioterapia: unha disciplina que usa os libros con finalidade terapéutica, e que nos últimos tempos está amosando o inmenso valor que a lectura pode ter no campo da saúde mental.
A biblioteca do Porriño, comprometida na construción social da súa comunidade, presenta este proxecto de biblioterapia infantil, “Contos que curan”: unha serie de boletíns temáticos que teñen como obxectivo axudar a previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos infantís en nenos e nenas entre os 3 e 12 anos de idade.
Cada boletín ofrecerá un repertorio de contos de ficción seleccionados, clasificados e recomendados. Cómpre mencionar que se tentará incluír a maior cantidade posible de libros en idioma galego, e reunilos fisicamente na biblioteca, sempre que sexa posible. Así pretendemos axudar a que familias, educadores e profesionais da saúde da nosa comunidade poidan realizar unha mediación terapéutica máis eficaz.
Porén, esta colección non pretende desenvolver un tratamento terapéutico por si mesma, nin substituír a necesaria intervención de profesionais sanitarios, e non debería ser usada como substituto desa atención. Trátase dun proxecto realizado desde o ámbito bibliotecario por profesionais do libro e da lectura, acostumados a buscar, seleccionar, clasificar e difundir información bibliográfica de calidade. Esas son as súas fronteiras, e recomendamos acudir aos profesionais sanitarios, de ser o caso, para obter unha avaliación pertinente e un tratamento axeitado a cada situación individual.
Boletín #2: contos para xestionar o acoso ecolar
(descargar en galego PDF 33MB)
(descargar en castelán PDF 33MB)
O acoso escolar, ou bullying, é un tipo de violencia infantil entre iguais que sucede no ámbito educativo. Caracterízase pola intención de facer dano a un neno ou nena de forma repetitiva e persistente no tempo, por parte dun acosador que se aproveita dun desequilibrio de poder coa vítima.
O acoso escolar pode ser de varios tipos: verbal (burlas, insultos, ameazas…), social (apartamento do grupo, difusión de rumores, avergoñamento público…) ou físico. E as consecuencias para as vítimas resultan nefastas: desde o illamento social, o absentismo escolar e o baixo rendemento académico, ata trastornos psicolóxicos e emocionais como a ansiedade, a depresión ou tendencias suicidas. En España, un de cada dez nenos sofre acoso escolar, e o bullying está detrás do 70% dos menores que tiveron ideas suicidas. Unhas cifras alarmantes e intolerables para unha sociedade avanzada que se preza de protexer a súa infancia. De aí a importancia de previr e actuar, obxectivo final deste boletín número 2 de “Contos que curan”.
Nunha situación de acoso os menores participan mediante tres diferentes roles. Primeiro, o acosador, que adoita ser unha persoa avantaxada en función da súa idade, forza ou tamaño, e que normalmente usa o acoso como un mecanismo de autoafirmación persoal ou social. A pesar desta conduta intolerable, non sería xusto criminalizar a estes nenos a unhas idades nas que a responsabilidade sobre os seus actos é moi relativa, e con máis motivo a maior parte deles foron, á súa vez, vítimas de abusos, e teñen problemas de baixa autoestima, conduta, control de impulsos etc. Por iso, ademais de tomar as medidas oportunas para frear o acoso, habería que actuar máis ben facéndolles comprender as consecuencias dos seus actos, estimular a súa capacidade de empatía, fomentar condutas prosociais etc.
O segundo rol é o da vítima. A violencia adoita executarse sobre os nenos máis indefensos ou “diferentes” por calquera motivo. Poden ser factores físicos (ser máis pequeno, de talle grande, padecer unha enfermidade, levar lentes, ter unha diversidade funcional…), factores académicos (ser máis ou menos capaz que o resto, ter dificultades de aprendizaxe…), factores psicoemocionais (ser tímido, inseguro, con baixa autoestima…) ou sociais (ser solitario, ter familias homo ou monoparentais, pertencer a minorías étnicas, raciais ou relixiosas…). Calquera cousa vale para ser obxecto de acoso, porque o acoso (e isto é moi importante destacalo) non ten que ver coa vítima, senón co vitimario.
Os expertos adoitan sinalar distintas accións para traballar coa vítima. Por exemplo, fomentar a asertividade, a autoaceptación e a autoestima (interpretando as diferenzas individuais como calidades positivas que nos fan únicos e valiosos), converténdoas en ferramentas para desarmar as burlas do agresor e eliminar a autoculpabilidade que, ás veces, pode aparecer nos afectados e afectadas (xustificación de “merézomo”). Tamén favorecer a creación de amizades e integración en grupos para aqueles nenos solitarios, máis expostos. E, sobre todo, comunicarlles aos adultos (familia ou profesorado) a situación que se está vivindo para que tomen as medidas oportunas, porque moitas veces as vítimas ocultan a súa situación por vergoña, ou pensando que denunciar só empeoraría a situación.
E terceiro, outro rol que adoita aparecer nunha situación de acoso é o da testemuña, que ou ben pode ter un papel pasivo (observa e cala) ou activo (anima o agresor ou defende a vítima). Para traballar coas testemuñas, as accións serían unha mestura das anteriores. Por unha parte, facerlles comprender as terribles consecuencias do acoso, estimular a capacidade de empatía, fomentar condutas prosociais etc. Por outra, traballar o sentimento de asertividade e solidariedade, para converter as testemuñas pasivas e activo-agresoras en activo-defensoras, sexa de forma directa ou, sobre todo, a través da denuncia e información ás persoas adultas. Neste sentido, é importante desterrar esa falsa idea de que ser “un acusón” é algo negativo, cambiándoa pola idea de que denunciar o acoso é motivo de orgullo: é de valentes defender ao que sofre e situarse ante as inxustizas que se cometen na nosa contorna, máis alá do beneficio persoal.
Afortunadamente, no mercado hai moitos contos que presentan todos e cada un destes aspectos nas súas historias, ou se centran nalgún en particular, como un tipo de acoso, un rol determinado (normalmente a vítima ou testemuña) ou unha solución concreta (habitualmente informar os maiores). Por sorte, temos onde elixir.
Así que neste novo boletín de “Contos que curan” ofrecémosvos unha selección de setenta e sete contos apropiados para tratar este tema, ordenados segundo a idade recomendada. Libros que poden axudar a previr e solucionar situacións de acoso escolar, desde a casa ou desde a escola, para que os centros educativos poidan ser lugares seguros, libres de violencias, onde os nosos nenos e nenas poidan aprender nun clima de amizade e respecto. A todos nos incumbe esta importante tarefa, porque os nenos de hoxe forxarán a sociedade do futuro.
Esperamos que resulten útiles.


