
O proxecto “Aparca ben e leva un libro” ten por obxecto a creación e xestión dunha praza de aparcamento reservada na rúa pública para os usuarios e usuarias que acuden en vehículo á biblioteca para facer xestións rápidas, como préstamo e devolución de exemplares.
Son moitas as persoas que acoden diariamente en coche á biblioteca do Porriño para devolver libros e películas e levarse outros en préstamo, ou para realizar algún outro tipo de xestión rápida. A falta de aparcadoiro nos arredores do edificio resulta un problema, e moitas delas optaban por estacionar incorrectamente na rúa debido á présa, expoñéndose a multas de tráfico e dificultando a circulación dos demais vehículos. A maior parte das veces achegábanse obrigados a devolver libros ou películas, pero renunciaban a levarse outros en préstamo para non perder uns valiosos minutos por ter o coche mal aparcado en dobre fila, nun paso de peóns ou nalgún vao.
O persoal da biblioteca detectou esta necesidade a través dos comentarios dos seus usuarios, das súas queixas pola falla de aparcadoiro nos arredores do edificio, polo que botou a andar este orixinal proxecto contando coa Policía Local do Porriño como colaboradora fundamental. Para este fin acaba de crearse unha praza de aparcamento reservada na rúa pública, para que os usuarios e usuarias que acoden en vehículo ás instalacións bibliotecarias podan facer xestións rápidas, como préstamo e devolución de exemplares, sen ter que aparcar mal o seu vehículo. Deste forma conséguese ademais de mellorar a accesibilidade ao edificio da biblioteca, permitir o préstamo de exemplares a un maior número de persoas e facilitar a circulación viaria no entorno urbán.
O estacionamento escollido foi o máis próximo ao edificio, na rúa José Fernández López, que xa dispón dunha sinal vertical que informa da prohibición de aparcar excepto para facer uso dos servizos da biblioteca e por un máximo de quince minutos. A praza tamén está sinalizada no chan pintado co logotipo da biblioteca pública e a palabra “Biblioteca”.
Trátase este dun servizo que habitualmente se presta na rúa para o aparcamento de vehículos de persoas con discapacidade, e que nos últimos anos está comezando aplicarse tamén para as farmacias de garda, con gran éxito e aceptación. A biblioteca porriñesa, con esta orixinal iniciativa, pretende replicar esta posibilidade de aparcadoiros rápidos para satisfacer a necesidade das súas usuarias e usuarios.
