eFilm

eFilm-O Porriño é a nova plataforma dixital de préstamo audiovisual da biblioteca do Porriño. A través dela, a biblioteca ofrece aos seus usuarios/as acceso gratuíto online a milleiros de películas, series, curtas, documentais e moitos máis contidos audiovisuais.

Para usar o servizo de eFilm-O Porriño hai que ser socio/a da biblioteca do Porriño, acudir de forma presencial á biblioteca e cubrir unha solicitude de uso. Os menores de 18 anos deberán ter autorización de adulto responsable. A sinatura da solicitude implica asumir todas as normas de utilización do servizo de préstamo de audiovisuais da plataforma eFilm-O Porriño.

Despois de cubrir a solicitude recibirá no seu enderezo electrónico un correo (revise a bandexa de spam) cos datos de uso da plataforma: Usuario (será o seu nº de carné de socio/a da biblioteca do Porriño) e Contrasinal.

Acceda a eFilm-O Porriño no enderezo https://efilm.online escolla a nosa biblioteca no despregable e inicie sesión cos seus datos persoais: Usuario e Contrasinal. Para seleccionar a obra do seu interese pode facer uso dos sistemas de busca ou das listaxes con suxestións que proporcionamos. Especificamente, comprobe que a obra escollida pode ser reproducida no dispositivo que está a usar: móbil, tablet, ordenador, ou TV (Smart TV, Chromecast  ou conexión HDMI- HDCP). No enderezo https://blog.efilm.online/ pode consultar todas as cuestións relativas ao funcionamento da plataforma.

No catálogo de eFilm-O Porriño os audiovisuais están clasificados por cores: amarelo (a maior parte do catálogo) e negro (certos documentais, curtas, concertos, cine clásico en V.O…). Cada usuaria/o poderá tomar en préstamo 5 audiovisuais de cor amarelo e un número ilimitado de cor negro á semana. O contador de préstamos reiníciase os luns.

Tras seleccionar a obra, a súa dispoñibilidade é inmediata, e o usuario/a disporá de 72 horas (48 horas nas últimas novidades) para visualizada o número de veces que se queira. Na plataforma tamén poderá consultar en cada momento o seu historial de préstamo e poderá puntuar as obras audiovisuais.

Para calquera incidencia técnica comuníquese con soporte@efilm.online.