Contos que curan #3

O aumento dos problemas e trastornos mentais representa un desafío para o futuro da humanidade, e actuar na idade infantil resulta clave para atallalo. Todos os axentes sociais poden traballar neste obxectivo desde o seu campo de acción, facendo posible unha vida máis alentadora para os nosos nenos e nenas.

No que respecta ao ámbito das bibliotecas, estas teñen a oportunidade de colaborar coa biblioterapia: unha disciplina que usa os libros con finalidade terapéutica, e que nos últimos tempos está amosando o inmenso valor que a lectura pode ter no campo da saúde mental.

A biblioteca do Porriño, comprometida na construción social da súa comunidade, presenta este proxecto de biblioterapia infantil, “Contos que curan”: unha serie de boletíns temáticos que teñen como obxectivo axudar a previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos infantís en nenos e nenas entre os 3 e 12 anos de idade.

Cada boletín ofrecerá un repertorio de contos de ficción seleccionados, clasificados e recomendados. Cómpre mencionar que se tentará incluír a maior cantidade posible de libros en idioma galego, e reunilos fisicamente na biblioteca, sempre que sexa posible. Así pretendemos axudar a que familias, educadores e profesionais da saúde da nosa comunidade poidan realizar unha mediación terapéutica máis eficaz.

Porén, esta colección non pretende desenvolver un tratamento terapéutico por si mesma, nin substituír a necesaria intervención de profesionais sanitarios, e non debería ser usada como substituto desa atención. Trátase dun proxecto realizado desde o ámbito bibliotecario por profesionais do libro e da lectura, acostumados a buscar, seleccionar, clasificar e difundir información bibliográfica de calidade. Esas son as súas fronteiras, e recomendamos acudir aos profesionais sanitarios, de ser o caso, para obter unha avaliación pertinente e un tratamento axeitado a cada situación individual.


Boletín #3: contos para xestionar a Timidez e fobia social
(descargar en galego PDF 42MB)
(descargar en castelán PDF 42MB)

A timidez infantil é unha emoción natural na infancia e pode ser un trazo máis da personalidade do neno ou nena. Adoita xurdir en contextos novos ou ante persoas descoñecidas, cando o menor se sente obrigado a interactuar con persoas alleas ao seu círculo de confianza. Entón é cando pode aparecer esa sensación de sentirse xulgado, o sentimento de inseguridade, incomodidade e vergoña que coñecemos como “timidez”.

Todos e todas estamos familiarizados cos síntomas desas situacións perturbadoras, porque as sufrimos como propias: dificultade para falar, nerviosismo, tensión muscular, aceleración do ritmo cardíaco, rubor, sudación, evitación da mirada, gana de fuxir… Lonxe de ser un defecto, a timidez é unha forma de responder con cautela á contorna, unha especie de barreira protectora que axuda o neno introvertido a moverse en sociedade. E por iso, a timidez non debe interpretarse como un problema para solucionar, senón como unha parte do temperamento persoal, que debe ser xestionada adecuadamente, permitindo que cada neno floreza á súa maneira: porque todos temos un ritmo diferente.

Con todo, cando a timidez limita o desenvolvemento persoal, impide facer amizades ou xera un malestar constante e extremo, é importante que os adultos os/as axudemos, acompañándoos/as con empatía, comprensión e paciencia, para que a timidez non pase a converterse nun trastorno serio, coñecido como “fobia social”. Forzalos a falar, ridiculizalos ou etiquetalos (“é moi tímido/a”) soamente reforzaría a súa inseguridade.

Porque non se trata de “curar” a timidez, senón de crear espazos respectuosos e cariñosos, nos que o neno ou nena se sinta seguro/a para informarse e expresarse, sen presión nin xuízos. Resulta fundamental que o adulto escoite, valide as súas emocións e lle brinde oportunidades para interactuar de forma gradual, para que comprenda que está a sentir, por que o está sentindo, e fomentar a súa autoestima. Se os nenos poden ensaiar outra forma de responder nesa contorna respectuosa, moitos poderán gañar confianza aos poucos e abriranse ás relacións sociais con naturalidade. Outros quizais non tanto, pero polo menos estas situacións complicadas deixarán de ser potencialmente traumáticas para eles/elas.

Para iso, unha ferramenta especialmente eficaz é a lectura compartida. Os contos que abordan a timidez ou o medo escénico permítenlle ao neno verse reflectido, comprender as súas emocións propias e descubrirse acompañado nelas. A través de personaxes que senten o mesmo ca eles, os nenos e nenas poderán descubrir e validar as súas emocións internas sen sentirse directamente expostos. 

Neste número 3 de “Contos que curan” propomos unha ampla selección de historias protagonizadas por personaxes tímidos, que poden axudar a normalizar este tipo de emocións ou sentimentos a través de experiencias de descubrimento e recoñecemento persoal.

Esperamos que resulten útiles.