Libros que latexan

Libros que latexan. Trátase dun obradoiro de expresión e creación a partir da lectura e as artes escénicas (especialmente o teatro e a narración oral).

O taller ten como obxectivos principais reafirmar o papel da Biblioteca Municipal como “casa dos libros” e espazo de encontro e relación, aprendizaxe permanente, intercambio creativo e desenvolvemento persoal e colectivo; e poñer valor a vida dos libros e a súa capacidade para conectar as persoas.

Nesa liña, na súa vontade de contribuír ao benestar das persoas, a actividade responde a diferentes obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, amparada pola ONU. Entre eles, atende a aqueles relacionados coa saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero e a redución das desigualdades (obxectivos 3, 4, 9 e 10).


LUGAR:

O obradoiro realizarase no Centro Cultural Municipal do Porriño (Avda. Domingo Bueno, 9), que alberga a Biblioteca Municipal.


NÚMERO DE SESIÓNS:

Libros que latexan constará de oito sesións. A última conterá unha mostra final aberta do material creativo traballado e desenvolvido nas sesións previas.


DATAS E HORARIO:

A actividade desenvolverase os xoves, en horario de 18.00 a 19.30 horas, nas seguintes datas: 5, 12 e 26 de marzo; 9, 16, 23 e 30 de abril; e 7 de maio de 2026.


CONTIDOS E ESTRUTURA:

O latexo do espazo: habitar o contexto.
O latexo das palabras (I): un achegamento sensorial á lectura.
O latexo das palabras (II): unha semente para a escritura creativa.
O latexo do corpo: exploración e desenvolvemento da expresión oral e corporal.
O latexo da memoria: un achegamento aos libros vivos e a tradición oral.
O latexo dunha voz: un achegamento á personaxe e á persoa escénica.
Sístole e diástole: a unión das fases para crear un novo pulso.
Ensaio final e mostra viva final.
Cada sesión centrarase nun contido, pero relacionaranse todos entre si e estarán todos presentes en cada un dos encontros, dende un achegamento lúdico, progresivo e adaptado ás persoas participantes.


INSCRICIÓN:

A actividade estará aberta a toda a poboación a partir de 16 anos, potenciando o diálogo interxeracional. As persoas interesadas poderán inscribirse na Biblioteca, terán preferencia as persoas censadas no Concello do Porriño.


ORGANIZACIÓN E IMPARTICIÓN:

O obradoiro será impartido por Ana Abad de Larriva, en colaboración coa Biblioteca Municipal do Porriño.

Ana Abad de Larriva é a coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal. Ademais de ter experiencia desenvolvendo diferentes actividades de animación sociocultural e teatral, mediación e comunicación cultural; é escritora, actriz, cantautora, creadora e docente de artes escénicas, con formación superior en Arte Dramática e unha tese doutoral en Comunicación e Artes Escénicas.


Libros que Latexan
Descarga o folleto (PDF)