Aproveitamos o marco das festas da Guía da parroquia de Atios para dar a coñecer esta importante obra do patrimonio porriñés, pensamos que bastante descoñecida para os nosos cidadáns, a pesar de ser unha das principais pezas do noso patrimonio arqueolóxico. A coñecida como “Estela de Severus”, en referencia ao seu propietario, é un interesante epitafio ou lápida sepulcral de pedra. Foi localizada de forma casual no século XX na parroquia de Atios, onde se encontraba reaproveitada nun pavimento, e actualmente atópase exposta no Museo Provincial de Pontevedra. Trátase dunha estela romana de época imperial (séculos II-IV d.C.) que posúe unha peculiar figura humana, a cal porta dous recipientes nas súas mans (os coñecidos como situlae), e debaixo da mesma pode observarse unha interesante inscrición en varias liñas.
Moi probablemente atopámonos ante unha lápida sepulcral procedente dun altar funerario. Sobre os enterramentos de época romana adoitaba erixirse unha estela deste tipo, formada case sempre por un monolito de dimensións variables rematado en arco ou frontón. Sobre a súa cara frontal aparecía a inscrición, moi a miúdo decorada con deseños de forte simbolismo relacionados co mundo da ultratumba e ás veces, como neste caso, incluso cunha imaxe do propio defunto.
Debaixo da imaxe do defunto aparece a seguinte inscrición funeraria:
Dibus / Manib(u)s / d(e)sce(ssit!) Se/verus / an(n)os / [
O significado do epigrama parece bastante claro, xa que é bastante usual nas pezas deste tipo. Tras unha advocación ás divinidades funerarias romanas (D.M.S.: Dis Manibus sacrum: consagrado aos deuses Manes), adoita mencionarse o nome do defunto, a súa idade, a identidade do dedicante e outros datos variados ata concluír as máis das veces coa fórmula S. T. T. L (Sit tibi terra levis: que a terra che sexa leve).
Tomado de: File:Estela de Severus.jpg. (2016, July 13). Wikimedia Commons, . Retrieved. 11:24, agosto 16, 2017. From: wikipedia