Obradoiro de ciencia: “Mira por onde andas”

obradoirociencia


Actividade: Mira por onde andas.
Contido: obradoiro de ciencia.
¿Para quen?: nenos e nenas entre os 8 e os 12 anos.
¿Cando?: venres 18 de novembro. Entre as 17:00 e as 19:00.
Multimedia: vídeo da actividade.


Xa están abertas as inscricións para o obradoiro infantil de ciencia, “Mira por onde andas”. Destinado a nenos e nenas entre os 8 e os 12 anos, ten como obxectivo observar a riqueza que hai no solo onde vivimos, tanto en termos da materia inorgánica (minerais e rochas) como da materia orgánica (microfauna, fungos e outros). Trátase dunha actividade gratuíta que se realizará previa reserva e por orde de inscrición, con 15 prazas dispoñibles en total, así que dádevos presa. Como sempre, para anotarse é necesaria a condición de socio ou socia da biblioteca e os usuarios empadroados fora do Porriño entrarán nunha lista de agarda.

As actividades deste obradoiro de ciencia desenvolveranse por parte de persoal especializado en dous bloques distintos. Por un lado, o primeiro bloque, centrado na materia inorgánica, orbitará en torno á formación dos distintos tipos de rochas, poñendo en marcha “o experimento do volcán”. Tamén, realizarase unha interesante simulación da transformación de granito en area e arxila, e unha observación de distintos tipos de area no laboratorio que montaremos na biblioteca.

Montaremos un laboratorio na biblioteca, faremos experimentos, e coñeceremos máis as propiedades de rochas como o granito.

No segundo bloque, centrado na materia orgánica, realizarase unha análise da cantidade de materia orgánica de distintos tipos de chan da nosa entorna, poñendo en marcha “o experimento do globo”. Por último, realizarase unha recolección, observación e identificación da microfauna do solo no laboratorio.

Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2016, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.

Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.


Deixar un comentario