Grupos de conversación en inglés 2019

ingles

¿Non che interesa practicar o teu inglés oral, cun titor profesional e de forma gratuíta? Pois no 2019 repetimos cos grupos de conversación en inglés.

Trátase dunha actividade que pretende o perfeccionamento do inglés a nivel oral para os participantes, a través dun grupo de conversación guiado e reducido. Non son clases de idioma, senón un espazo no que mellorar os coñecementos e perder o medo a falar, nun ambiente distendido. Os participantes conversan entre eles, coa guía e asesoramento dunha titora que os corrixe e guía ao longo dunha hora. A titora dos nosos grupos é María Platas Alonso, docente de lingua inglesa.

Unha maneira divertida de aprender e mellorar o nivel de inglés.

Temos dous niveis de aprendizaxe: un grupo de nivel básico e outro grupo de nivel medio. As sesións celébranse na biblioteca todos os martes do 5 de febreiro ao 28 de maio, e do 1 de outubro ao 26 de novembro.  O horario: entre as 18:00 e 19:05 horas para o nivel básico, e entre as 19:05 e 20:05 para o nivel medio. No caso de existir prazas dispoñibles, unha mesma persoa pode inscribirse nos dous niveis, e, xa que logo, asistir aos dous niveis seguidos dende as 18:00 ata as 20:05.

Os grupos son reducidos, coa posibilidade de inscribirse en lista de agarda unha vez que se complete o cupo. Trátase dunha actividade gratuíta, pero é necesario ter a condición de persoa socia da rede de bibliotecas de Galicia, e teñen preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Para formalizar as inscricións podes vir ás nosas instalacións ou ben chamar por teléfono (986337624).

Os grupos de conversa son unha maneira divertida de perfeccionar o inglés, nun ambiente distendido.

Esta actividade está enmarcada no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2019, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.

Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.


Deixar un comentario