Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha festividade declarada pola ONU coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais, lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

A Biblioteca e a Concellería de Igualdade do Concello do Porriño súmanse a esta celebración co obxectivo de difundir a labor científica das mulleres e fomentar a vocación científica nas nenas e adolescentes da nosa comunidade. Para iso ofrecemos información sobre as iniciativas existentes neste ámbito, e unha serie de lecturas infantís que seleccionamos da nosa colección dixital para inspirar ás nenas da nosa comunidade, todas elas accesibles a través da nosa plataforma de ebooks, GaliciaLe. E con enlace directo para que as poidades ler en streaming ou descargar.

Aínda que queda moito por avanzar, cada día damos un paso máis na visibilización e recoñecemento das mulleres que fixeron e fan historia no campo da ciencia, entre outros ámbitos. Na ciencia e na tecnoloxía, coma noutros ámbitos profesionais, a muller foi invisibilizada ao longo da historia e, en moitos casos, os seus traballos usurpados e atribuídos a homes. Poucas mulleres científicas ou do ámbito das STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) foron visibilizadas na educación das nosas nenas e nenos. Marie Curie, é unha desas “rara avis”  que moitas de nós recordamos estudar na nosa infancia.

Pero ademais de Marie Curie, houbo moitísimas mulleres científicas máis. Neste enlace da Wikipedia podes consultar una listaxe incompleta de científicas que contribuíron de maneira significativa ao desenvolvemento das diversas ciencias desde antigüidade. Mulleres científicas galegas? Pois claro que tamén, neste outro enlace podes consultar unha ducia de científicas galegas, algunhas do pasado e outras aínda en activo, mulleres que foron rachando os moitos obstáculos e teitos de cristal.


Iniciativas

Afortunadamente, son moitas as iniciativas que recentemente se están a levar a cabo por distintas organizacións e institucións para amosar os numerosos logros das mulleres no ámbito científico: 

  • Asociación de mujeres investigadoras y tecnólogas (AMIT): Organización non gobernamental e sen ánimo de lucro, de ámbito estatal, integrada por investigadoras e tecnólogas de variadas disciplinas que desenvolven o seu labor investigador, tecnolóxica, ou de xestión da ciencia en organismos e centros de investigación do estado públicos e privados. Pretenden ser voz, foro de discusión e rede de apoio para todas as investigadoras e universitarias concienciadas en traballar xuntas para lograr a plena participación das mulleres na Investigación, a Ciencia e a Tecnoloxía.
  • NoMoreMatildas: É unha iniciativa da AMIT para denunciar a invisibilización das mulleres e a apropiación do seu traballo nas STEM ao longo da historia, mediante o coñecido caso de Matilda Joslyg Gage, a primeira muller que o denunciou. Posúe interesantes recursos, como por exemplo este anexo para incluír referentes de mulleres nos libros de texto ou a edición de diversos contos ilustrados.
  • 11 de Febrero: Esta iniciativa pretende fomentar a organización de actividades e materiais que conmemoren o día Internacional da Muller e a nena en Ciencia en España. O seu obxectivo é contribuír a pechar a brecha de xénero que actualmente existe no ámbito científico.
  • Oceánicas, a muller e a oceanografía: É un proxecto do Instituto Español de Oceanografía (IEO) que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos, tanto actuais como do pasado, dar a coñecer a súa vida e obra, tratando así de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentar a súa creatividade, a súa capacidade de decisión e o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.
  • Gals Tech: Grupo dirixido a todas as mulleres que estean a traballar ou desexen iniciar unha carreira no mundo tecnolóxico, ou simplemente que lles interese a tecnoloxía en Galicia.

eBooks

En internet poderás atopar distintos listados de recursos para visibilizar o papel das mulleres na ciencia (como o de 11defebrero.org). E na biblioteca temos moitos libros sobre o tema que poderás atopar nunha sección específica da nosa sala infantil. Pero como estamos pechados debido ás restricións do COVID-19 e non queremos pasar a oportunidade desta efeméride tan importante, poñemos á vosa disposición unha selección de lecturas inspiradoras para as nenas e adolescentes en formato ebook. Libros que ofrecen referentes nos que basearse para apostar por unha carreira científica. Todos as lecturas son en formato dixital, e poderás acceder a eles desde a colección dixital da nosa biblioteca, GaliciaLe.


Imaxe da portada (Las chicas son de ciencias)

As chicas son de ciencias: 25 científicas que cambiaron o mundo, por Irene Cívico.

Aínda que nos libros de historia pareza que as ciencias son cousa de homes, diso nada: has mulleres teñen sido pioneiras en ciencias desde o inicio dos tempos. Este libro presenta 25 exemplos de supercientíficas que demostran que as mulleres son de ciencias.


Resultado de imagen de feminino singular en plural concha blanco

Feminino singular, en plural, por Concha Blanco.

Este libro é un canto agradecido a mulleres que loitaron individualmente e con moitos atrancos pola súa colectividade para intentaren acadar unha sociedade máis afable, xusta e de igualdade entre mulleres e homes. Mulleres silenciadas pola historia, invisibilizadas ou agochadas por pertenceren ao seu xénero.


Imaxe da portada (Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes (versión española))

Contos de boas noites para nenas rebeldes, de Elena Favilli.

Mulleres científicas, astronautas, vidas extraordinarias: cen exemplos de determinación e audacia para as mulleres que soñan en grande. As biografías de 100 mulleres valentes, coas ilustracións de 60 artistas de todo o mundo.


Imaxe da portada (Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes 2 (versión española))

Contos de boas noites para nenas rebeldes 2, por Elena Favilli.

Segunda parte do libro anterior. Cen novas historias de mulleres extraordinarias de todo o mundo retratadas polas 50 ilustradoras máis importantes de todo o mundo. A selección das personaxes foi realizada coas aportacións da comunidade de lectoras e lectores.


Imaxe da portada (17 mujeres Premios Nobel de ciencia)

17 mulleres Premios Nobel de ciencia, de Hélne Merle-Béral.

Este libro presenta as traxectorias, moitas veces sorprendentes, destas mulleres que alcanzaron a excelencia na ciencia. Unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia cultural e social do xénero na investigación científica.


Imaxe da portada (Mujeres de ciencia)

Mulleres de ciencia, por Rachel Ignotofsky.

Un libro que destaca as contribucións de 50 mulleres notables nos campos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas, desde o mundo antigo ata a actualidade. Ademais, contén infografías sobre temas relevantes como equipos de laboratorio, ratios de mulleres que traballan en distintos campos ou un glosario científico ilustrado.


Imaxe da portada (Las chicas rudas del pasado)

As mozas rudas do pasado, por MacKenzi Van Engenhoven.

52 relatos de mulleres destacadas e inspiradoras de todo o mundo, que desafiaron os roles de xénero e actuaron directamente na historia da humanidade cos seus descubrimentos e o seu traballo. Mulleres que romperon cos moldes tradicionais do seu tempo para facilitar o camiño ás xeracións modernas.


Imaxe da portada (Niños científicos)

Nenos científicos, de David Stabler.

Amena e orixinal colección de minibiografías ilustrada que nos revelan os momentos máis significativos da infancia de dezaseis mulleres e homes científicos. Acompañadas de fermosas ilustracións que animan á lectura.


Imaxe da portada (Pequeña & Grande Dian Fossey)

Dian Fossey, por María Isabel Sánchez Vergara.

Dian Fossey foi unha gran investigadora norteamericana recoñecida polo seu traballo científico e a súa defensa dos gorilas. O seu carácter forte e apaixonado levouna a loitar ferozmente contra o tráfico de animais e a caza furtiva.


Imaxe da portada (Pequeña & Grande Jane Goodall)

Jane Goodall, por María Isabel Sánchez Vergara.

Goodall de pequena soñaba con viaxar a África e vivir cos animais. Cando se fixo maior conseguiuno. En Tanzania estudou aos chimpancés en estado salvaxe, converténdose na maior experta mundial nese campo. Actualmente dedica a súa vida á conservación do medio ambiente e a educación.


Imaxe da portada (Pequeña & Grande Marie Curie)

Marie Curie, por María Isabel Sánchez Vergara.

Curie foi a primeira muller doutora en ciencias e profesora na Universidade de París, ademais da primeira persoa da historia en recibir dous premios Nobel. Descubriu o radio e o polonio e desenvolveu a teoría da radioactividade polo que está considerada como a muller máis inspiradora da ciencia moderna.


Imaxe da portada (Pequeña & Grande Jane Austen)

Jane Austen, por María Isabel Sánchez Vergara.

Un libro da famosa colección Pequena & Grande. Narra a historia desta matemática e escritora británica, un xenio en constante loita entre a razón e a emoción. Ada prognosticou a capacidade dun ordenador para ir máis alá dos sinxelos cálculos matemáticos e describiu o primeiro linguaxe de programación.


Imaxe da portada (Mujeres matemáticas)

Mulleres matemáticas, por Joaquín Navarro.

Este libro presenta a grandes mulleres, de todas as épocas, que superando os prexuízos de xénero marcaron a evolución e a historia das ciencias matemáticas desde o século IV a.C. ata os nosos días.


Imaxe da portada (El pequeño libro de las grandes feministas)

O pequeno libro das grandes feministas, por Julia Pierpont.

Colección inspiradora que presenta a cen mulleres excepcionais ao longo da historia e do todo o mundo. Biografías breves e sorprendentes con mulleres que sacudiron a terra, romperon teitos e fixeron explotar os moldes das súas sociedades.


Imaxe da portada (Protagonistas de la Historia)

Protagonistas da historia, por María Pilar Queralt del Hierro.

Unha extraordinaria tarefa de recompilación histórica, na que a muller é a gran protagonista. A muller ten sido relegada dos libros de historia, o que non quere dicir que non tivera unha importancia decisiva no percorrer da historia como protagonista. Así o demostran esta serie de anécdotas e curiosidades de grandes mulleres do pasado.



1 thoughts on “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Deixar un comentario