Antonio Palacios na Biblioteca do Porriño

palacios

Antonio Palacios Ramilo (O Porriño 1874-Madrid 1945) foi un dos mellores arquitectos españois do cambio de século e primeiras décadas do XX, soamente comparable a  unha figura da talla de Antonio Gaudí. Porriñés de nacemento e madrileño de adopción, pasará a historia como o construtor dos grandes edificios de Madrid como o Palacio de Comunicacións, o Hospital de Maudes, o Banco Español do Río da Prata ou o Casino de Madrid, pero tamén dalgún dos edificios principais da arquitectura galega da primeira metade de século, como o Teatro García Barbón de Vigo, o Tempo Votivo de Panxón, o Templo da Vera Cruz de Carballiño ou incluso o deseño do Gran Vigo que nunca se levaría a cabo.

Editamos a guía de lectura “Antonio Palacios na biblioteca do Porriño” e facemos unha exposición na vitrina do Recuncho coas obras que conseguimos reunir.

Antonio Palacios mantivo un importante vínculo coa nosa localidade ao longo de toda a súa vida. Aquí nacera, aquí seguira vivindo parte da súa familia e o arquitecto visitaba Porriño con frecuencia, gustando de pasear polos arredores (era un namorado do Faro de Budiño), e participar nas tertulias intelectuais da época. Aquí tamén está soterrado, no cemiterio municipal, debaixo dunha sinxela rocha de granito. Valedor do granito porriñés como material arquitectónico, no Porriño deixaría tamén unha parte moi importante da súa herdanza arquitectónica, a través de proxectos que deseñaría gratuitamente, como o edificio do Concello, a Fonte do Cristo, a Botica do seu irmán, o Templete da Rede do Metropolitano trasladado dende Madrid, ou as tristemente desaparecidas Escolas Fernández Areal.

palacios2

Na biblioteca do Porriño, conscientes de que Antonio Palacios é probablemente un dos porriñeses máis insignes da nosa historia, propuxémonos reunir a maior cantidade posible de documentos escritos sobre el a través da nosa Sección Local, coa pretensión de promocionar e difundir a súa obra y figura, conservar para o futuro esta importante información e asegurar a súa consulta para todos os porriñeses e porriñesas. Dende monografías, ata folletos turísticos, comunicacións de congresos, catálogos de exposicións, memorias de investigación, etc, que conseguimos a través da compra, doazón ou préstamo.

Podedes descargar a guía premendo neste enlace: guia_antonio_palacios (1513 KB)

Froito desta labor publicamos a guía de lectura “Antonio Palacios na Biblioteca do Porriño”, coa referencia das decenas de documentos que conseguimos reunir ao longo de anos. Parte deles están actualmente expostos nunha instalación da vitrina do Recuncho, localizada no vestíbulo da biblioteca, que forramos con reproducións dos planos orixinais de construción do Concello do Porriño. Animámosvos a botarlles unha ollada, consultar a guía, introducirvos na fascinante figura de Antonio Palacios e aproveitar para visitar as súas obras arquitectónicas no Porriño.


One thought on “Antonio Palacios na Biblioteca do Porriño

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s