Xa temos á vosa disposición a programación de animación á lectura na Biblioteca do Porriño para o ano 2019: A Contateca. Unha programación extensa con ata trinta actuacións ao longo do ano, coa que queremos redobrar o noso esforzo pola animación á lectura do noso Concello.
Despois do gran éxito de público que tivemos o ano pasado, coa programación de Biblioteatro, queremos darlle unha volta de torca á nosa animación. Cambiamos o concepto e apostamos con máis forza e recursos pola nosa animación á lectura. A idea de Biblioteatro era ofrecer unha obra de teatro especial, cunha representación mensual. A idea da Contateca é volver ao pequeno formato pero cunha programación máis intensa: ¡agora teremos unha representación cada semana! Así que a partir de febreiro, todos os xoves* ás 18:00 horas teredes unha actuación de contacontos na biblioteca.
Cuadriplicamos o número de actividades e diversificamos a oferta, que sempre xirará ao redor do libro e a lectura.
Ademais de cuadriplicar as representacións tamén apostamos porque todas as actividades xiren ao redor do libro e a lectura. E tamén apostamos por diversificalas: haberá contacontos, obradoiros para nais/pais e fillos/as, talleres participativos para os rapaces e rapazas… Teremos contacontos en galego e inglés… representacións para bebés, para nenos/as ata 3 anos, de 3 a 6, de 3 a 8, ata 12 anos, para toda a familia… contacontos con kamishibai, con libros pop-up… contacontos de intelixencia emocional, de tradicións populares, contacontos pola igualdade de xénero, pola concienciación medioambiental, polo respecto, contra o bullying… ¡De todo!
A entrada, como sempre, será libre ata completar aforo, salvo excepcións (que comunicaremos coa suficiente antelación) no caso dalgúns obradoiros con número máximo de participantes, nos que haberá que inscribirse previamente.
Esta programación de animación á lectura súmase á nosa programación de formación e aprendizaxe (que anunciaremos proximamente) e a resto de actividades, como a Feira do Libro, que temos programadas para este apaixonante ano de 2019.
Tedes toda a programación da Contateca xa dispoñible na nosa sección de Actividades e no noso calendario de actividades.
*Todos os xoves de febreiro a xuño e de outubro a decembro, salvo o 7 de marzo (semana do Entroido) e 18 de abril (Semana Santa).
25 thoughts on “Contateca: animación infantil á lectura 2019”